sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Esgazadura que non prendeu

Ao se aproximar a data das pasadas eleccións autonómicas galegas vivimos días de abondosa recepción de cartas, o que non deixa de ser unha novidade tendo en conta que o máis frecuente é o correo electrónico. Nesta frouma, á que xa estábamos afeitos, resulta cando menos rechamante a propaganda da estrema dereita, que leva por nome de marca a palabra voz en latin, acompañada por un sobre de envío dun verde esvaído e un inecesario epíteto: "Galicia é verde", que aos creadores debeulles parecer un exceso retórico e por iso deseñaron á sua esquerda a bandeira de España, non vaian pensar os antigos socios que lles están facendo as beiras. Por certo é a única frase escrita en galego. Porque no reverso din "ante la despoblación hay una alternativa" pero sen máis especificacións, aínda que quizais se refiran aos estranxeiros que infrinxan a lei, que serán expulsados inmediatamente, transgresión que parece que aos nativos se lles consente. Afortunadamente nesta ocasión non tutearon ao destinatario, nen elixiron ese programa informático que permite incorporar o nome propio como se coñeceran a un de toda a vida. Con todo xa na segunda liña califican o Goberno de criminal, e na cuarta ameazan ao asegurar que tal acción non ficará impune.

Ou sexa, nada novo a respeito do xa coñecido a través da historia. Nunha entrevista en 1930, José Antonio Primo de Rivera dille ao reporteiro que de política xa falarán desde que pasen uns anos. "Estas cousas son como as labazadas, non se anuncian, danse". E a seguir "xa teremos ocasión cando eu sexa ditador de España". Non enganaba a ninguén aquel precursor. Todo isto resultará algo inquedante para o partido da dereita de sempre, pois que parte dos seus electores preferiron a mensaxe en porrancho antes que co adobio de ricas vestiduras.

Dá moito qué pensar que en tempos recentes todos eran un. Non se comprende moi ben o estarabouzo de algúns extremistas como a voceira parlamentar, imputando como morno ao daquela presidente señor Rajoy que nunca emitiu unha palabra en galego, malia que foi un dos consellos que segundo algunhas testemuñas lle dera o señor Fraga, acompañado de outro que cumpriu posto que casou. Xa vén, a parte esgazada puxo unha frase en galego de tres palabras en letra impresa.

Seica nisto das isoglosas do idioma galego ou as súas fronteiras, non repararon os teóricos do bilingüismo harmónico, debate que no pasado deu lugar a duras tirapuxas porque moitos non só agoiraban unha disonancia, senón a substitución da lingua propia pola que está en conflito e competencia. No atlas lingüistico do grupo popular e as correspondentes crebaduras, compriría reparar en determinadas posicións lingüísticas pero tamén de outras, de xeito que quizais o máis axeitado sería compoñer un sociograma.

Ás veces os gallos non se converten en árbores sen varios factores e niso inflúe por exemplo o terreo. Nen sequer a apelación ao verde do noso país, e a alusión a Pondal: "Amor á terra verde, / á verde Terra nosa / acende a raza briosa / de Ousende e de Froxán". O parágafo é de ‘Queixumes dos pinos’ nada menos!

Como se decaten os persoeiros das vellas glorias partidarias, isto vai ser unha labarada, quizais altisonante e se cadra con duras pauliñas polo medio, se nos permiten a comparanza. "Addio fiorito asil…", vai haber máis dun Pinkerton para entoar a fermosa aria de Puccini.

Esgazadura que non prendeu
Comentarios