miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

O val murcho

UNHA DEPUTADA, reitéralle ao Goberno que exhume do Valle dos Caídos os restos de Franco, para así mudar o carácter do lugar e convertelo nun símbolo de irmandade e reencontro. É un asunto que ven de vello, e non hai moito tempo que o Tribunal Supremo rexeitou un recurso do ex xuiz Baltasar Garzón, perante unha decisión negativa do Executivo para trasladar o restos do Dictador, e do fundador de Falanxe, e converter o edificio nun espazo da memoria. Mais nesta ocasión hai un novo dado: unha señora estivo durante sesenta anos, levando frores a unha foxa común, crendo que nela estaban os restos do seu avó e do seu tio. Co tempo descubriu que se atopaban na necrópole de Cuelgamuros, polo que acudiu a un Xulgado de Primeira Instancia, para recuperar e identificar os restos, xurisdicción que lle dou a razón. Trátase ademais dunha resolución firme. Ocorre que o Goberno atopa dificultades, tanto na identificación como na seguridade dos nichos.

E a iso imos. Parece lóxica a petición de percurar a paz eterna e depurar a simboloxía fascista, porque ter ali soterrado a quen non caeu en nengunha das acepcións do termo, ainda que si é responsable do monumental cemiterio, resulta unha miga rechamante. Pero aparte da estravagancia ciclópea, é moi característico de aqueles tempos a improvisación, e non falamos de música ou de aproximacións, tan propias de xogos como a lotaría que, mesmo, as gratifica. Era preciso a finais dos anos cincuenta, trasladar ao mausoleo restos humanos, para pluralizar o adxectivo e arremedar con máis exactitude os ritos funerarios dos faraóns. Asi en 1959, os Gobernadores Civis envían aos alcaldes, "a fin de dar cumplimiento a las instrucciones dictadas por la Superioridad", unha relación "de los gloriosos restos procedentes de la Cruzada Nacional para su eterno descanso en el Monumento Nacional del Valle de los Caídos". Indican, que se lle debe requerir o seu consentimento aos familiares. Ocorreu que en moitos concellos, a listaxe non cadraba cos propios dados municipais, aparte de ser relacións eivadas: non se sabía onde estaban soterrados. Algúns aceptaron o trslado para coñecer o seu paradoiro. A propia información oficial, dá conta de que dos case trinta e catro mil enterramentos da abadía, case a mitade son descoñecidos.

Ainda que a nota máis destacada é o colosalismo, que asenta nunha percepción enfermiza e necroloxica da vida, o que está claro é que a zarapallada co accidente do avión Yakovlev 42, coa identificación "ad hoc" das baixas, para acreditar unha solvencia da que se carecía, conta con infaustos precedentes. Seica moitos restos están mesturados nos columbarios, e outros foron dar a recunhos que, coa humidade e fenómenos conexos, acabaron converténdose en alicerces da propia fábrica. Parece que os construtores fixeron unha interpretación máis prosaica que retórica, dos sonados versos de "al suelo le falta tierra / para cubir tanta tumba". Pero non se trataba de tarefas complexas, como afinar un coro e acadar que as voces entren a tempo, e outras imposibilidades propias das actividades da obra sindical de "Educación y Descanso". O dito é que non se xoga coas cousas de comer, pero no relativo á morte e os seus corolarios, camíñase por un campo minado. A idolatría é un erro, unha transgresión ou un pecado. Erguerlle un templo é unha parvada. O lugar hai que transformalo para que deixe de estar esmorecido.

O val murcho
Comentarios