Opinión

O pracer dos libros

HAI UN libro que recolle uns corenta artículos de Herman Hesse, que se publicou en español co título de ‘Pequeñas alegrías’ e que un vello amigo meu, que estudou e traballou en Múnich traducia desde o alemán como pequenos praceres, porque lle parecia máis axeitado, dito sexa como curiosidade xa que somos leigos nesa língua. Pois ben, nun deses traballos o novelista alemán escrebe sobre unha exposición de tipografía moderna e no tocante á propia impresión de libros: o papel, as ilustracións, etc. Se os artistas de fama, di Hesse en 1901, se dedican a deseñar mobles e enseres domésticos pregúntase por qué non poden espallar o seu labor aos libros, e pon como exemplo a Willian Morris, un arquitecto e creador británico, activo socialista do século xix. O eido das artes gráficas en xeral é moi atrainte desde varios pontos de vista, porque o libro como continente pode ser unha ledicia para a vista ainda sen conter ilustracións: o tipo de letra, a mancha, os espazos en branco, as follas de respeito, a encadernación, as cubertas, as lapelas, o deseño da portada, a gramaxe do papel, etc.. ademais nós destacariamos o interese polos libros vellos, xa que ademais do contido, abranxen outros intereses e entre eles, moitas veces a admiración pola súa supervivencia, que abranxe tamén outros materiais impresos como son os periódicos. Só hai que reparar no ano de publicación para acreditar unha historia como duradeira testemuña, ás veces damnificada, pero elocuente.

Por iso cando se ten nas mans, o propio contacto e os ollos activan non só emocións e sentimentos tamén historias. iso me ocorreu coa edición de ‘El regionalismo gallego’ de Manuel Murguía, editado na Habana en 1899, unha serie de observacións ao discurso de ingreso na academia da Historia de antonio Sanchez Moguel, que lin na biblioteca municipal de ribadeo, despois de saber da queima pública na rúa San Francisco dos fondos do ateneo en 1936, de onde procedia o volume, moito antes de que ray bradbury nos ilustrara a través dunha distopía a qué temperatura arden os libros. O funcionario que librou o libriño da fogueira mesmo o cubriu cunhas tapas de celofán como mostra de agarimo, mentres que como medida precautoria colocouno nun andel que precisaba dunha escada para chegar a el.

Pero naturalmente hai máis historias que fan atractivas a procura e as descobertas nos fondos e librarias de vello, ainda que en moitos casos van dar a elas como resultado de latrocinios. algúns versarán sobre ciencias ocultas ou esoterismo e non será dificil explicar a andaina percorrida, pero outros tratan de historia local e sábese da súa existencia porque alguén os viu consultou e mesmo citou, tal e como sucede na miña vila coas ‘antiguedades de rivadeo’, un manuscrito sen asinar e con máis dunha atribución, segundo explican Couceiro Freixomil e Villamil e Castro nada menos.

Afortunadamente existen superviventes vivos e activos a piques de cumprir e festexar cen anos, como o semanario ribadense la Comarca del Eo, que edita esta mesma empresa, ou sexa El Progreso. tampouco está libre de vicisitudes pois que o tomo correspondente ao ano de proclamación da republica foi enviado ás autoridades en 1936 para que estas acreditaran a limpeza quizais de tinta, como séculos antes era a de sangue, na percura de xudeus, herexes e disidentes varios.

Comentarios