Opinión

Inaudita multiplicación

Hai uns días a autoridade estatal competente en materia de nomes xeográficos decidiu interpretar a reivindicación do inaxeitado nome da Ria del Eo, que eles mesmos tiñan rexeitado, e resolver o prurito dunha chamada hiperbólicamente Direccion de Politica Lingüística de Asturias, e interpretar a teima do nome incorrecto de Ria del Eo como se fose un trastorno obsesivo compùlsivo, e contra todo prognóstico darlles a razón. Nen sequera nisto da siquiatria caritativa e da frenopatía  das silveiras, son orixinais pois que xa antes de que o nome de Vegadeo fose oficial, ou sexa a partir de 1916, un bispo de Oviedo comezou a empregalo porque tiña os seus motivos de competencia polos límites dos diezmos e outros gravames e arbitrios, asi que bautizou como Vegadeo o que era A Veiga de Ribadeo. Pero se no canto de distraernos cos argumentos de encargo politico e instruccións recibidas, nos preguntamos pola procedencia da teima, e facemos un breve repaso histórico temos que ir á orixe, ou sexa ao que antigamente se chamou concello e Reboredo e hoxe Castropol.

Prescindamos de aboenzas dinásticas e vaiamos a hai uns trinta anos. A quentura duns veraneantes que faltos dun sinxelo banco das mentiras, que soe ser o pousadoiro dos mariñeiros con gañas de leria para  amenizar os seus ocios, decidiron  encirrar unha suposta reivindicación que ao mesmo tempo distraia do contraste entre Ribadeo e as restantes vilas, entre as que sempre houbo relacións cordiais e pequenos ciumes por asuntos de fútbol e festas. E mesmo episodios anecdóticos como cando en 1881 co gallo do bicentenario da morte de Pedro Calderón de la Barca, o concello de A Veiga organiza unha Procesión Civica no seu honor e convida ao de Ribadeo, e este resposta que as súas moitas ocupacións impídenlle asistir. É rechamante a enxeñosa prosopopea do contemporáneo e historiador Fernando Mendez San Julián: «os veigueños sempre foron moi calderonianos», frase que ten numerosas posibilidades.

Pero voltando ao nome da Ría era ben mellor que ocupasen as súas inquedanzas estivais en procurar proteccion para o esteiro e recursos de todo tipo. Na Liñeira, por exemplo, botouse en 1873 o derradeiro buque de grande porte que saiu daqueles estaleiros, a corveta J.M.B., de 289 Toneladas de Rexistro Bruto, para a armadora Bengoechea de Ribadeo. Hoxe esa tradición ubícase en As Figueiras e ninguén se ocupa de pescudar de onde ven o nome da razón social desas instalacións, que é o dun topónimo do concello de Barreiros. Unha pegada, a de Francisco Díaz Fernández, o fundador da que nos sentimos orgullosos.

Este antollo síntoma de embarazo partidario artificial que non científico, significa unha distracción ociosa e con costes que pagamos todos. Estamos perante un novo chanzo no que se chama invasión cultural, na liña de denominar ao galego oriental como bable occidental. Realmente esta parte de Asturias é a única zona onde se fala un idioma normalizado diferente do español e con alto nivel de falantes, e isto non se debera prestar a facerlle caso a uns cantos chanfonetas. Quizais con isto dos dous nomes cabe citar aquela cantiga de ‘que ben capeas o vento / asi fai a boa moza / cando quere dous a un tempo’. A resolución ten para nós o valor cientifico da cantiga, que ven ser o mesmo que asubiarlle aos biosbardos. De seguir con estas liñas discursivas quizais algúns opinen a prol da multiplicación dos nomes como se foran pans e peixes, e se engada tamén Ría do Suarón ao esteiro, en contra da normativa internacional. Pero xa que andamos en relatos bíblicos, inspiracións e ocorrencias, pode que alguén se deixara engaiolar coa libación das xerras de Canán.

Comentarios