lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

Esquecer agravios

ULTIMAMENTE E ao abeiro de discusións sobre varios procesos de paz, ou de algunhas propostas nese eido, houbo diversos posicionamentos sobre a necesidade de esquecer, se queremos aproximarnos á conciliación. Pero contraditoriamente, a memoria histórica é non só unha reivindicación que aniña en moitas persoas, senón tamén unha obriga ética. "Ignorar o que sucedeu antes de nós é vivir nunha perpetua infancia", segundo Cicerón e o filósofo George Santayana fixo universal a reiterada frase "Aqueles que non lembran o pasado, están condeados a repetilo". Como en case todos os asuntos discordantes, non hai unha virtude equidistante pese á afirmación da socorrida locución latina.

Non sempre existe un camiño do medio, como tampouco é de aplicación universal a estratexia comercial, nen o abrazo de Vergara. Afortunadamente as exhortacións ao xeito de calquer "ayacucho" redivivo, son hoxe extemporáneas, aínda que hai xente que ten morriña de aquel tempo no que era factible solucionar os problemas, recorrendo a unha compañía da Benemérita.

Agora mesmo, os agoiros de choque de comboios a respeito da problemática catalana, son tan repetitivos que se converteron nunha ladaíña, pero pouco máis. Polo fume sábese onde está o lume, como di a aria da zarzuela, pero para algúns incendios a auga non está indicada. Pola nosa parte, o único coñecimento que temos en materia de resolución de tirapuxas políticas, é moi restrinxido, tanto polo que atinxe ao ámbito como ao propio papel, que apenas se reduciu ao de observador. Admirabanos na nosa mocidade o esforzo de determinadas persoas por xuntar nunha mesma organización a causa do nacionalismo. Ao cabo o rancor e o resentimento foron arrombados, coa axuda -decisiva- da xente, que premiou electoralmente o xermolo.

Claro que, co paso do tempo, algunha das faccións do teatro de operacións, recuperou as mañas do pasado, habelencias tan ben exemplificadas na conversa que na novela de Eric Arthur Blair, mostra o diálogo entre Winston e O'Brian. Dous e dous son catro, afirma o primeiro. "Ás veces son catro, ás veces son tres. E ás veces todo iso á vez" asegura lenemente o segundo. E engade que debe esforzarse máis: "Non é doado recuperar o siso". Daquela, un imán chamado burocracia, e unha rotina coñecida como obediencia debida, tan propia da milicia e da cregaxe, frutos ambos da preguiza ou sexa de non pensar, estragaron o proxecto.

E se non é pecaminoso votar en Cataluña, tampouco o é falar aquí para recuperar a memoria. Naturalmente tamén a dos mortos, os recentes e os de antes, pois ainda que como decía o fundador da V República francesa, o sangue seca moi axiña, as lembranzas son máis indelebles. Cómo se lle pode pedir a un arxentino, que esqueza os trinta mil desaparecidos durante a Ditadura, posterior ao golpe de estado de 1976?

Quizais seguindo o vieiro da proposta de Azaña de 1938, "Paz, piedade e perdón" houbo algunha proposta neste sentido en Euskadi, e a novela de Fernando Aramburu, 'Patria' foi inicialmente moi louvada, mais hoxe comeza a ser cuestionada, concretamente a tese, implícita na trama, de que a paz implica o perdón. "Consello é de sabios perdoar inxurias e esquecer agravios". Pero só é un refrán galego.

Esquecer agravios
Comentarios