Opinión

Esencia de trementina

Son varios os aspectos rechamantes na reconciliación do PP coas suas orixes que foi quen de monopolizar Vox. A estes a historia non os absolverá, pero a súa particular e privativa si, e por se acaso fan o posible por agachala, pactando o esquecimento da memoria histórica, ou sexa chamándose á culpa dos excesos e abusos mesmo nas guardas baixo os luceiros, e iso que se deron por parte de todos manifestacións de concordia e perdón. E fe democrática, na que non cren Por manter a arela histórica lembramos o caso dun concello daquela comunidade castellano leonesa dos anos noventa, cando comezaban a traballar as asociacions de recuperacion da memoria histórica, que unha delas solicitou axuda a un concello para recuperar os cadáveres duns paseados e a albarda parlante que exercia de alcalde, do partido popular cando só era un, respostou cunha enormidade: se os mataron algo farían.

Escoitamos ao chou a algúns tertulianos intentando separar as voces dos ecos que dixo o poeta, reprimindo os propios aspaventos. Hai quen pensa que ao tocar poder, ou sexa tripar moqueta, as alfas exaltadas e extremistas da dereita van  rever, un xuizo un algo polo atallo de aplicación seguidista dun fenómeno que acometeu a algunhas esquerdas nos anos da Transición, pero un modelo analítico exótico, porque non coñecemos precedentes históricos, e aqueles dos que sabemos acreditan máis ben o contrario.Para a toma de posesión perante o presidente Hindenburg, o canciller Hitler vestiuse de etiqueta, pero esa mesma noite os nazis organizaron un desfile de fachos e tambores. Era un presaxio, un agoiro funesto. 

E para non repetirnos nos exemplos europeos, citemos un caso español: o esgazamento do Partido Radical pola deriva dereitista e o pacto coa CEDA, naqueles anos nos que o impacto da corrupción fixo que a Real Academia Española incorporase ao Diccionario un neoloxismo: estraperlo. Pero falando dos devanceiros desta xente, por algo se di fillo de peixe sabe nadar. Claro que neste caso do artificioso argumentario de agardar o efecto da moqueta, é o mesmo que pedirlle peras ao olmo, ou confiar que o uso das esteiras e alfombras produza outro efecto diferente da facilidade para andar descalzos, e liberar asi perfumes agachados nos calcetins e zapatos, unha experiencia que desgrazadamente temos experimentado en escenarios exóticos, que realmente alcatreaban. Ademais a metáfora pode espertar outro dos riscos definitorios, o racismo, que forma parte das raiceiras doutrinais destes ferruxentos e arcaicos admiradores morriñentos daquel rebolo con faixa vermella e chapiri con borla.

Trementina non deriva de tremendo, e non é propio para definir á ‘derechita cobarde’ como alcuman os energúmenos ao PP, senón que é o augarrás, que se emprega para determinadas limpezas sobre todo verrnices e tamén de brochas e pinceis tan usados para as peanas e oropeis e para as pancartas. Os seus colegas do Partido Popular Europeo teñen na súa orixe as correntes democristianas, mentres que o pretendido centrismo español os remois da dictadura, que se remontan a un exministro do Dictador, que fixo o exceso de vestir o traxe galego de gala e ainda así consentiu avances quizais mais aparentes que reais, pero que os continuadores non foron quen nen xiquer diso. Velaí o Plan Xeral de Normalización da língua galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. 

Non parece que a anunciada nova andaina da dereita tradicional observe o consello de Ovidio: fica entre os extremos.

Comentarios