Opinión

Da preguiza á avaricia

Ten alma para todo é o que se di de quen non ten esrcrúpulos, algo que se volveu poñer de moda no partido de dereitas que se presenta como alternativa de goberno, agora animado pola remuda no liderato. O caso da adquisición de material sanitario cando era urxente pola pandemia estoupou como un foguete, e asombrou como se estivéramos presenciando unha comedia de enredo na que aparecen personaxes que falan de comisións millonarias e de sacas no reparto do botin, segundo informan os medios o que nos da motivo para tecer un comentario pola tona. Isto non é contradictorurio co de que en todas partes cocen fabas, como se di no ‘Quijote’, pero cómpre sinalar que unha faba non é un feixon ainda que non sexa esta unha referencia etimolóxica nen metafórica, só unha curosidde Nesta materia do trafego sospeitoso dos fondos públicos, a actitude inicial é ser escrupuloso e recear de case todo. É unha opinión baseada nun antigo paso pola administración local, que nalgúns momentos restou posibilidades e que reforzaba a opinión xeral de que se estaba nunha administración pousona, e con excesivas cautelas. Algo diso había, pero sospeitábamos que obviar o exceso de parsimonia e reservas servía a veces para abrir unha fenda pola que poderian esbarar actuacións mais que dubidosas, ainda que coñecimos a xentes que se chufaban diso con evidente imprudencia e aldraxante runfadela.

Sabemos que a reiteración de determinadas noticias farta un pouco, e que nen sequer o morbo que aparellan moitas, leva ao fastío en moitos casos, e noutros á xeralización de eivas até convertelas nunha especie de causa xeral que iguala a todos, un xuizo inxusto que mira ti por onde deixa fóra da calificación aos tempos da dictadura nuns casos, e ás actitudes simplistas noutros. É unha actitude perversa e favorecedora das posicións extremistas non ser quen de distinguir as voces dos ecos. Hai poucos días faleceu un deputado do PP que foi quen de destapar o que se coñece como caso Bárcenas. Pero o certo é que esa actitude non rendeu moito entre os seus compañeiros de militancia, e fixéronlle o baleiro. Quizais non se empregaron a fondo no tocante a esas actitudes, poisque puideron alegar como demériro que era un bon recitador e a algúns iso prodúcelles un proido. Xa saben a frase que se lle atribuiu a moitos outros e que parece ser de Göering:  Cando escoito falar de cultura retiro o seguro da miña pistola, un dos orneos merecentes de figurar nunha escolma de difícil elaboración, e por iso acudimos a un clásico, ainda que está moi espallada a atribución a Millán Astray, prolífico aportador de achegas ao prontuario de dislates.

Falando de clásicos e de cultura e a falla de experiencias máis directas e importantes, cómpre non se deixar asolagar polo escepticismo e menos pola nugalla, e ao cabo no eido xeral conven acobillarse na lucidez e na honestidade que tan ben exemplifican o século XVIII. Non nos impresionan os tirapedras falando en linguaxe figurada, pois que aceptamos de boa gaña o contraste de pareceres. Por iso recuando ainda bastante máis no tempo, cremos oportuno o consello de Cicerón: «Se queredes suprimir a avaricia tedes que suprimir á sua nai, a preguiza». Pero para mellor provocar o sarabullo do que falábamos ou o aceno cara a cartucheira podemos citala en latín, que ten mais inri.

Comentarios