domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Criar o pasmo

Un coñecido noso dotado dunhas alfas de vaidade abafantes, gostaba de frecuentar a compaña de dúas personalidades do saber académico aos que, nun principio, facíalles graza que alguén tan novo fose quen de interesarse coas súas plúmbeas e repetidas peroratas e rememoración de insoportables e imposibles diatribas, homologables á pelexa cos muíños de vento. Pero ocorreu que andando o tempo remataron fartándose do seu peloteo intempestivo, das súas impertinencias e desatinos que ían erguéndose como un globo de Betanzos. Lembro que despois de escacharse de risa perante algunhas anécdotas ás que lles abondaría un benevolente sorriso, penetrou no mundo das camisas de once varas e deixou perfectamente claro que confundía o imperativo categórico cunha voz de mando militar. Sen el sabelo, rematou converténdose nun dos motivos de chacotas e brincadeiras daquelas mentes realmente enxeñosas, que tanto tempo o aturaran. Porque realmente un non ten que afondar no pensamento do filósofo de Königsberg, aínda que si prestar unha miga de atención nas clases do Bacharelato e, onde non, ser discreto aínda que moitos exemplos sinalen cara outra beira.

Na nosa pequena andadura na política autonómica tivemos ocasión de presenciar casos de verdadeira antoloxía, como confundir unha cantata cunha cantante e a unha diva convertila en dúas, ou sexa facendo unha cesura entre o nome e o apelido, todo moi oriental. Pero non é cousa de deleitarse agora con eles, xa que o panorama actual é o axeitado para facer unha escolma máis ampla e exótica. As novas estrelas rutilantes xa non son políticos autóctonos senón metropolitanos, comezando pola presidenta da comunidade autónoma da capital de España, quen para xustificar que non quedaba outra que convivir co sonado e tráxico virus, dixo que todos os días había accidentes de tráfico e non por iso se prohibían os automóbiles. O que cómpre non é chamar á resignación senón pular pola investigación, e deixarse de estridencias. Qué diferenza mesmo cos seus predecesores partidarios remontándonos ao pleistoceno. No meu concello a corporación acordou en 1955 facer constar na acta o seu pésame polo falecemento de sir Alexander Fleming e dedicarlle unha rúa, que non é moito se pensamos que mesmo un cráter lunar leva o seu nome. Con todo foi un entusiasmo efémero posto que o nome non se incorporou ao nomenclátor urbano, e iso que cun algo de rimbombancia comunicáronllo por escrito á embaixada da súa maxestade británica, en tempos de plena anglofobia por mor do famoso penouco que lle cederon aos británicos, «tierra amada de todo español» que decía a obrigada cantiga.

Certo que non se decatou a señora presidenta madrileña de que nen sequer a primeira potencia mundial deu até o de agora cun remedio, pero seica tanto lle ten. Ao parecer trátase dunha competición para saber quen a di máis grosa porque niso cómpre recoñecer as posibilidades que ten de competir co mandatario daquel poderoso país, ou co de Corea do Norte, ou mesmo co primeiro ministro húngaro. Nesa competición o certo é que arrinca con posibilidades.

Criar o pasmo
Comentarios