Opinión

A caveira controvertida

Vivimos tempos de misterios, incógnitas, descubertas, incertezas e sorpresas variadas. Resultou que a gañadora do millonario Premio Planeta eran tres homes agachados nun seudónimo ou sexa un nome de muller, algo que para rematar co condumio indixesto do que se alimenta a extrema dereita, completouse coa noticia de que a herdeira do trono holandés poderia casar se quixer con outra muller, segundo declarou o primeiro ministro dos Paises Baixos. Polas mesmas datas artellouse un pequeno batifondio cun informe publicado por un coñecido xornal sobre a posibilidade de confusión das caveiras de dous dos apóstolos pero non polo nome xa que ambos e dous son Santiago —o Maior e o Alfeo—, senón por un informe dun antropólogo forense. Pero pese a que a cousa non vai acadar a sona do monólogo de Hamlet coa caveira de Yorick, imediatamente o arcebispado compostelano negou que tivera algo que ver co encargo e o descubrimento, e o mesmo fixo a Direccion Xeral do Patrimonio Cultural, sempre tan melindrosa en  pontos e comas, como descuidada en accións de bulto como a desaparición de algúns edificios senlleiros, ou a sospeitosa omision de determinadas proteccioins.

Como consecuencia de todo isto, rexurdiron polémicas que se crian definitivamente arquivadas, como a posibilidade de que o corpo do santo soterrado na capital de Galiza sexa Prisciliano, unha posibilidade que consideraron personalidades á marxe desas discusions nas tabernas da rúa do Franco, capaces de inspirar tantas posibilidades como como caben nunha relinga de viños e tapas no canto de chumbos. Nada novo na materia se recuamos até os tempos de D.Antonio López Ferreiro que tivo un papel investigador no século XIX e que deixou testemoño del nun libro, entre a súa amplisima producción. Xa daquela se puxo a andar a tese que facía a Prisciliano o ocupante da Catedral. Non existían as chamadas redes sociais pero si as revistas científicas e as sensacionalistas e as de chismes. E tamén co heresiarca de Treveris parecidas pautas nas lendas: as orixes remotas, os discipulos que trasladan o Corpo, etc. 

Quizais o labor do antropólgo forense non ten tanto de controvertida tirapuxa se temos en conta que os dous apostólos estan soterrados no mesmo templo, a Catedral de Santiago nada menos,  e tendo en conta que son santos non cabe atribuirlles disputas por ocupar un a cripta do altar maior e outro a capela das reliquias que tamén se chama Panteón Real. Claro que en cuestións de política sexa esta soterrada ou non, calquer cousa é posible e tamén erguer con intencións avesas zonas de sombra Lembro aquela cita de Castelao sobre algúns tópicos aldraxantes para o noso pais, concretamente alusivas ao Apostolo: «Oh Santo Apostol que discretos fueron / los que en oculta tumba os metieron / para que de esta tierra amparo fueseis / sin que ella os viese ni vos la vieseis». Nela a fermosura da paisxe polo xeral moi louvada tamén resulta criticada. Exhumamos este texto anónimo porque iso quizais lle resulte espiñento para a Xunta sempre tan dilixente na defensa «de los hombres y las tierras de España» e tan indolente por exemplo cos nomes da terra como sucede cun que concretamente denomina á ría que fai de fronteira oriental de Galiza.

Ao cabo as especulacións sobre ósos e crenzas, o remate do Camiño ten varios premios, escultóricos como o Pórtico da Gloria, arquitectónicos como a Berenguela, musicais polo son dos órganos e espectaculares como o botafumeiro. O propio itinerario tamén é unha sucesión de fitos que convidan a  mergullarse na naturaza e disfrutar dela, e iso afecta a crentes, ateos e agnósticos e mesmo a seareiros dos druidas. 

Comentarios