Opinión

Carreiros de perdición

AS DESGRAZAS nunca veñen soas segundo a sabiduría popular á que cada vez se lle fai máis caso, a medida que recúan referentes tradicionalmente sólidos. Niso pensamos cando soubemos que o xuiz decidiu imputar ao exministro do Interior, señor Fernández Díaz, como consecuencia do caso cociña, pero titulado en inglés, ao mellor pensando nunha futura longametraxe, ou calquera outra creación moderna da era dixital. Non se trata só dun incidente político dentro dunha ringleira de episodios que nunca chegan ao derradeiro, porque cada vez o fenomeno está máis preto da eternidade, que para o catolicismo esa vida prolongada máis aló da morte é un concepto fundamental e aquecedor, pero coloquialmente ten outro significado. Concretamente para o que foi ministro fará tremer a fe no seu particular anxo da garda, que co nome de Marcelo velou por don Jorge en momentos certamente delicados. Pero ao que se ve a pesar dos ditirambos do exministro do Interior, non debeu pasar do escalafón máis baixo que seica son os serafíns.

O malo é que todos estes pormenores foron explicados e detallados nas cadeas de televisión, así que hai que supoñer que as dúbidas xeradas entre os crentes ou os escépticos serán moitas. Nós mesmos sospeitamos que o nome do anxo debe ser unha ousadia denominativa do exministro, quizais pensando no santo galego ou leonés, que tivo moitos fillos, como aconsella San Josemaría Escrivá de Balaguer, todos mártires e moi venerados segundo o Diccionario dos Nomes Galegos, que dirixu Xesús Ferro Ruibal. Se así fose pecaría de soberba e podería incorrer en anatema, segundo a máxima seiscentos da obra ‘Camiño’, que un supernumerario do Opus Dei, debe saber de memoria. Seica o agora encausado está practicando outra virtude, pois decidiu non deixar en porrancho ao presidente do Goberno que o fixo ministro, segundo algúns comentarios. Despois de falecidos, o corazón dos reis de Francia gardábase nun relicario, pero cando foi a Revolución roubaron moitos dos estoxos e vendéronnos a moi bon prezo, ao parecer para obter algúns pintores o chamado lugubremente marrón momia.

Ocorre que algúns dirixentes populares carecen de corazón, pensará con acedume o que foi ministro, e ai máis ermos porque xa se sabe aquelo da carta de San Paulo aos corintios, sobre que aínda tendo o don da profecía sen caridade nada sería. Que conste que o que abonda son os augures, especie non escasa no partido de dereitas: o propio líder e tocaio do apóstolo citado, non só se ve na Moncloa senón que asegurou que España bótaos de menos. O malo é que "para subir pola escada que viu Xacobe nun soño de israelita ser xusto nestes tempos non val nada o que se necesita…", e imos aforrarlle ao lector os achádegos anticlericais de Curros aínda que estexan de actualidade, pero non o que decía o poeta pero o que sí precisan é unha eficaz vasoira das axeitadas para a limpeza, e non para voar seguindo a tradición.

O certo é que o profeta que se ve a si propio esculcando desde o cercado da Moncloa, deberá reparar máis nas meigas que o rodean sen varredoira, pero con moita ilusión porque son partenaires na mesma función. Quizais a representación de ‘Gianni Schichi’ unha ópera bufa de Puccini, baseada nunha personaxe coñecida pola súa capacidade de simulación e, por iso, vai ao inferno. Ollo co emotivo ‘Oh mio babbino caro’ que canta Lauretta, porque o garimoso pode rematar en gravoso. E nós quizais estamos sobardando o nivel de imaxes, cando realmente cómpre máis ben arremedar aquela definición de Mr. Churchill: son búfalos con pelica de búfalos, como os seareiros do candidato Trump que asaltaron o Capitolio. A comparanza de sir Winston era con cordeiros.

Comentarios