viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Auguratoiro

Asisto por medio da televisión ao debate de investidura do presidente do Goberno e aínda que tiña serias dúbidas a respeito das posibilidades de prescindir moi axiña dunha sesión que intuía que sería soporífera, o certo é que foi unha reveladora ocasión para criar o pasmo, E non digo con isto nada orixinal. Non é algo tan intrigante como o descubrimento do espía dos Medici  que resultou ser falso, consecuencia dun lapsus calami do escritor pero ás veces a tirapuxa achégaselle ben.

Ocorreu que na súa competencia por liderar o terreo de estribor, o portavoz desta resultou menos ilustrado e máis desalmado que o propio voceiro da extrema dereita, que mesmo botou man da historia parlamentar dos anos da República, aludindo en varios parágrafos aos socialistas, pero naturalmene omitindo algúns episodios da Ceda ou do Partido Radical nos tempos do señor Lerroux, beneficiario do negocio do estraperlo na súa versión orixinal. Porque xa se sabe que o invento caloteiro dou lugar ao neoloxismo, se me permiten o elementar exemplo. Ben é certo que para compensar, unha deputada rabisaca, o que nalgúns lugares se lle chama gato árabe, esgañitouse chamando a outros a sumarse ao fenómeno do que para oprobio da ética se coñeceu como «tamayazo», moi na liña de creación de precedentes deleznables, e o transfuguismo é un deles. Pensemos no seu uso orixinario, persoa que en tempos de guerra deserta das súas funcións para pasar ás do inimigo, ou percuremos sinónimos tan elocuentes como apóstata, ou renegado según os eidos propios de aplicación. 

Oxalá que os retrocesos practicados pola dereita estremeira leven á xente nova a reparar no pasado non tan remoto. E nas súas figuras

Claro que cando estas liñas se escriben xa se saben os resultados, e por iso tan só nos limitamos ao debate. Botamos en falla ao famoso exhibidor de bagatelas e cartaces de cego en anteriores exhibicións, nunha das cais apareceu cun croio na man. Claro que, como na coñecida zarzuela, hoxe os tempos  adiantan que é unha barbaridade, e nunca mais axeitado falar de bárbaros, porque tanta lilaina facilitoulles a presenza directa no hemiciclo.

Oxalá que os retrocesos practicados pola dereita estremeira con movimentos máis contundentes de Europa leven á xente nova a reparar no pasado non tan remoto. E nas súas figuras. Poñamos por caso o famoso Álvaro Gil-Robles de longa traxectoria até o ponto de que de moi novo asistiu ás concentracións de Nuremberg, adoptou ridículas poses fascistoides e usou máis que ambiguos eslóganes, e de vello chegou a defender obreiros no famoso proceso 1001, que encausou a líderes de Comisións Obreiras.

Que serva esta migalla para excitar a curiosidade polo noso pasado, aínda que desexamos que a interpretación non sexa tan retorta como a mostrada polo  voceiro ultra estoutro día. Tanto o contido coma o vocabulario precisan unha poda, e se sempre cómpren nas tarefas agrícolas, neste caso unha boa demouca é un labor hixiénico: trátase de evitar efectos nocivos para a saúde pública, tanto ten pins como estrelas de David ou cruces gamadas ou flechadas.

Auguratoiro
Comentarios