Opinión

As gadoupas da morte

RESÚLTANOS DIFÍCIL lembrar as colaboracións que lle dedicamos ao que se chama memoria histórica e cuestións relacionadas, e máis aínda diferenciar as de carácter xeral das especificamente locais, aínda que nestas últimas algunhas anécdotas contribúen a mantelas vivas. Proceden estas, case todas, da época na que desempeñamos unha alcaldía, e mesmo nos cambios na denominación do rueiro que propoñiamos, que eran desbotar os nomes vencellados á guerra civil, non houbo unanimidade. Si na desaparición do monumento aos caídos, pola sinxela razón de que o seu deterioro, real ademais de figurado, esquivou maiores problemas e debates. A pequena placa de mármore que fardaba na fachada do templo principal, co nome do Ausente, xa desaparecera a mans dun anónimo martelo, esgrimido clandestinamente por mans desafectas.

Pero cando isto se escribe, é motivo de controversia o que o réxime anterior chamou Monumento Nacional del Valle de de los Caídos. Hai xentes saudosas de aquel mundo de unidades de destino no universal, orladas de bulideiros piollos, que aluden ás visitas e peregrinaxes ao mausoleo. Isto das asistencias a determinados lugares ten o seu aquel, e non hai mais que pensar nas que reciben Auschwitz ou Mauthausen. A precisión alemana no tocante a dados e estatísticas, mesmo as sanguiñentas e funestas, non se contaxiou aos seus aliados fascistas españois. Seica o único apegadizo foi a crueldade, aínda que xa existían abondosos precedentes autóctonos. A finais dos anos cincuenta, os gobernos civís remitían ás alcaldías  unha relación de baixas (‘caídos’), para que se lle preguntara aos seus  familiares se accedían ao traslado dos seus ‘gloriosos’ restos ao Valle dos Caídos. Figuraban o nome, a unidade militar, o lugar de falecemento e, finalmente, onde estaban soterrados. Algúns aceptaron o traslado para saber así onde estaban inhumados os parentes, aínda que este dato non era exacto en moitos casos, e mesmo resultou totalmente descoñecido nalgúns. Cómpre ter en conta que se trataba de soldados do exército sublevado, comandados por militares, dito sexa para mellor caracterizar aqueles escuros tempos.

Pero no medio da polémica e das tirapuxas dialécticas, o que realmente asombra é esa xente que asoleira as súas opinións na negación do carácter dictatorial e cruel do réxime. E neste ponto, cómpre cederlle a palabra ao dirixente agrario e deputado galeguista Antón Alonso Ríos, que foi quen de agacharse durante moitos meses e vagar, facéndose pasar por un mendigo portugués, que andaba a pedir esmola polas aldeas galegas. Tamén traballou como criado, até que acadou pasar a Portugal e continuar alí a sua epopea —no país irmán aínda campaba a PIDE—, até embarcar no Porto para América. Creou unha nova identidade co nome de Afranio do Amaral, desenvolvéndose con moito enxeño. O seu engaiolante relato memorialista, leva un título igualmente seductor: "O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte". Estarrecente relato pero ameno e testemuñal. Un de tantos outros.

Comentarios