Como se fose un espectro ou sexa con límites non moi precisos, o fume dunha borroeira húmida, e con motivacións que explicaremos no tempo que dura un alustro, lembramos aquelas secuencia da película ‘Michael Collins’ que escenifican o remedo de gabinete de goberno na sombra, á marxe do Imperio Británico e que van tomando as súas decisións cunha normalidade asombrosa. O caso é que acadaron os seus fins despois dunha historia de reivindicación nacional secular.
Pero contorneando e perfilando as lembranzas intúo que a inspiración procede dunha caricatura: a que protagoniza a presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid con eses xeitos de goberno paralelo e desafiante. Non dubidamos da lexitimidade da súa eleccion pero non compartimos nen as causas nen os xeitos, e pensando nos precedentes, que serian o señor Trump no próximo e Herr Hitler no lonxano, tampouco.
Os hipotéticos lectores saberán disimular estes antollos da memoria, pero xa dixemos hai días que andamos entre caricaturas e máscaras nun xeito de rigodón, mesmo na acepción de Filipinas. Pedimos perdón pola comparanza irlandesa, pero non se elixen os disparadoiros da memoria e tampouco da historia, xa que foron procesos electorais os que levaron ao monstruo austríaco á Cancillaría alemana.
Todo comeza de xeito bastante semellante: inculpación e caracterización do adversario en trazos grosos até convertelo en inimigo, invocación aos valores da patria e sacralización de textos lexislativos e remedos facareños do «panem et circenses», contemplados por unhas clases dirixentes un pouco preguiceiras onte e hoxe, porque moi cedo foi ridícula a facha de aquel home de bigode, e tamén o desta muller con arelas de providencial e esotérica.
Sempre se di que a historia se repite e sen entrar en teorias filosóficas nen citas de Vico ou de Niestche, o que si parece sementar moitas dúbidas son os riscos xeracionais. Otero Pedrayo escrebeu a novela ‘Devalar’ como testemuña da xeración que ocupou o seu tempo en tarefas como o Seminario de Estudos Galegos e o certo é que a pesar dos avances e progresos en materia científica, intríganos moito a incertidume sobre a actual xeración, ainda que comprendemos a posible imputación de prediluvianos que se nos poida atribuir, pero xa estamos no tempo de ver cómo recorren algúns os camiños da vida, e de procurar para o noso proveito algunha faisca humoristica como a que deixamos anotada, ainda confiando na capacidade de reaxir da seguinte xeración.
Un historiador e pensador decía nunha entrevista nun xornal frances que para un relato atractivo é importante ter nemigos humanos e que iso non existía na loita contra o cambio climático, unha frase que resulta algo rechamante por varias razóns, entre elas que no arsenal ideolóxico da dereita política, figura ese negacionismo xunto co das vacinas e outras variadas causas.
Moitas con raiceiras seculares adoviadas cun verniz. A percepción da problemática é de certo menor que o que debera e hai ensaistas que falan de algúns políticos que están mais preocupados por chegar a fin de mes que polo remate do mundo, e mesmo que o xurdimento das cuestóns climáticas foi parello coa sua despolitización.Unha cuestión controvertida, como sucedeu por exemplo no caso da normalización do galego, por poñer un exemplo realmente próximo, falado e debatido.
Para rematar compráceme sinalar que ainda que polo que atinxe ao título esta colaboración evoca, en tono menor, o dun libro de Ramón Piñeiro ‘Olladas no futuro’, que asinou en Castropol en setembro de 1974 naquela casa de Fermin e Branca Penzol que temos visitado e lembrado moitas veces. Claro que desde entón case pasou medio século, que sen retórica nen tópicos parece un período moito máis longo.