Opinión

Acubillarse nun pendello

Acubillo é unha palabra máis próxima e axeitada ao concepto orixinal da evasion fiscal e non o de paradiso, que agora tanto se usa. Todo o mundo sabe que non se está a falar desas cativas trampas para escapulirse dos impostos que ao cabo case sempre rematan detectadas pola administración tributaria. Paradiso, coidamos, remite a Dante, á Biblia, a Milton, á ‘Creación’ de Haydn, ao Portico da Gloria e por iso para sinalar o acubillo das fortunas á marxe do fisco, e mellor falar de toupeiras e sumidoiros. Na clasificación delictiva espallada aparecen numerosas figuras publicas, como cantantes, deportistas ou políticos, algunhas delas acompañadas de vicios que unha parte da opinión publica é capaz de disculpar, porque normalmente van asociadas a funcións fisioloxicas como a alimentación ou a reproducción, ainda que ás veces algúns individuos son calificados de putañeiros ou comellóns. Por outra banda as bebedeiras acadan unha dose de permisividade, pola herdanza de tempos nos que era prácticamente a única via de saida dunha realidade apouvigante. Por iso mesmo existian viñas en terreos da beira do mar ainda que a calidade procedia do Ribeiro, que acadaba moi bos prezos prro tamén se daba o fraude de convertelo en purrela xa que falamos de calotes, estes unha miudeza en comparanza cos que estes dias se coñecen como os papeis de Pandora, que ameazan con males semellantes aos de abrir a caixa. Polo de agora a listaxe de trapalleiros cada día é máis longa e chamativa e mercé a eles o comun da xente comezamos a saber que tais asociacións de zarapalleiros chámanse Sociedades Offshare, como poderiamos chamarlle pendellos ou tobeiras. 

Pero volvendo á actualidade alguén dirá que sempre existiu a evasión fiscal e non hai moito tempo que poderiamos situar na nosa historia o estraperlo, que comezou dándolle nome a un xogo con trampas a denominar ao tráfico de productos intervidos polo Estado, ou suxeitos a racionamento, particularmente durante a Guerra Civil e nos longos anos seguintes Efectivamente moito antes houbo bucaneiros e piratas, pero tal cousa non engana a ninguén, pois non estamos no tempo de ler noticias sobre a detencion dos delincuentes nas ladroeiras. «Aí ven o maio / pola Porta Faxeira, / aí ven o maio / de roubar unha monteira» . Velaí unha popular letra das moitas das festas dos maios, que neste caso se refire a unha prenda de vestir. Pero estamos falando de tempos moi recuados e os actuais están lonxe de calquer tradición ou picaresca. Hoxe os asaltantes de tendas e negocios que producen danos moi importantes e asustan ás xentes como antes os salteadores de camiños, fican como unha antigalla en comparanza con aqueles que deixan de satisfacer as súas obrigas fiscais Agora os tobos sitúanse en domicilios e bufetes identificables para os interesados en esquivar os impostos, e nestes casos non hai versións novelísticas nen románticas pois que se trata dunha caterva de ladróns, e de títeres simuladores que axudan na posta en escena dos monicreques protagonistas.

A obrigatoriedade fiscal foise impoñendo conforme avanzan as formulacións de xustiza social, e todo o mundo sabe da importancia do ensino e a saúde, e da súa procura e financiación. É licito pedir que os impostos sexan xustos e que pague máis quen máis ten, de xeito que predicar a sua anulación  é unha postura politica moi arriscada propia de alternativas pouco responsables e demagógicas, e que ás veces tamén mostran como argumentario propio os defraudadores. Non falamos pois de pequenos tambuchos onde se gardaban os aforros en tempos pasados.

Comentarios