Opinión

Á sombra do volcán

Chegouse a ese ambiente maniqueo e de enfronamento característicos dos momentos previos aos conflictos, e por iso sorprende a rara unanimidade perante o estoupido do volcán da Palma. Non se produciron enfrontamentos radicais polo asunto, riscos caracteristicos da pandemia que non subscitou esta unanimidade. A inercia do non ou do si sen matices, e a lixeireza dos eslóganes sempre tan pouco matizados, que substitúen á politica, acadaron niveis tais de popularidade e mesmo éxito electoral que quizais por iso agora o que tira da atención de moita xente, é que nun mundo tan desenvolvido que foi quen de reducir o virus, non atopen unha solución radical, por exemplo a base de explosivos como se fai nos incendios dos pozos petrólíferos. Os devotos de Santa Bárbara sempre rexurden neste tipo de situacións, e non hai mais que lembrar o que sucedeu hai vinte anos coa traxedia do Prestige, que logo de cambiar a derrota numerosas veces, afundiu.Entre as alternativas barallouse o de sempre: mandalo ao fondo do mar a base de bombazos. A falla de control no transporte do petróleo, os localismos de non sacrificar un caladoiro acoutado e preferir que se afundira, e a conversión en fios de plastilina do petroleo, como explicaron despois do desastre, son algúns dos fitos daquelas xornadas. Efectivamente o lume combátese con lume, pero coa direccion técnica axeitada, e mesmo fixéronse voladuras para controlar no posible os regueiros de lava. Seica tamén nas illas Canarias se barallaron este tipo de propostas estrondantes e arriscadas, no canto de mirar para Islandia, como modelo.

Hai uns dias sentiuse na costa cantábrica un tremor de certa entidade que non é o primeiro que se rexistra e quizais non sexa o derradeiro. Como é lóxico causou unha alarma incrementada polas noticias do omnipresente volcán canario, ainda que pouco ten que ver un fenómeno co outro, mais que na forza da naturaza.Todas estas continxencias como sucedeu coa pandemia, son argumentos a prol da investigación cientifica e tamen das medidas preventivas, ou sexa as normas de seguridade na construccion de edificios e infraestructuras e na observación de planos de ordenación do territorio axustados.

Por aludir a algúns exemplos de pouca entidade, non hai mais que reparar en obras como algunhas concentracións parcelarias que na procura de determinadas melloras desviaron un sinxelo rego adoito seco, pero un dia choveu e producíronse asolagamentos graves que contaron coa conseguinte sentenza do saber popular, ainda que no mesmo lugar noutra ocasión alertaron de fortes ventos e eses mesmos asisados homes cangaron con pesadas pedras o tellado dun pendello polo que conseguiron o que non fixo o vento:derrubalo. Pero cando estas liñas se escriben ainda non falaron algúns cargos institucionais que do mesmo xeito que intentaron asumir competencias do Instituto Cervantes, cun soliloquio tipo de ‘O tratante aburrido’, poden revelarse como expertos en catástrofes ou en muros capaces de refrear a natureza, do mesmo xeito que os seus ideólogos foron quen de erguer grandes murallas para frear a emigración.

Un poema de Ramón Cabanillas narra a historia dun emperador chinés que ergueu un muro con mais medo ás ideas que aos soldados, pero a cerca rematou caendo e o pensamento ceibe espallouse por todo o territorio. Un sucesor «ainda que é home para todo, a queimar bibliotecas non se atreve» asi que fixo escribir os libros ao seu modo. Pero isto é unha referencia vella, agora os valores son unha inflacción de bagatelas pero non para piano senon para bombo. Son os gromos da politica de Mr. Trump, que quizais xa existían aquí con aquelo de «Vivan las caenas» e que co tempo deron no «se sienten coño», que non só cadran nos vulgarismos léxicos e sintácticos, senón que levan ao ‘panem et circenses’, menos do primeiro que do segundo, sendo os dous facareños.

Comentarios