Blog |

Vou ser breve, efémero, pasadío, lacónico, pasaxeiro, conciso...!

Pelúdez ten o día completo, pois fala no Vello Cárcere, fala con Lucía e non para de falar

...o que non está nos escritos! SANTYREBORITA DAS Arieiras comprometeuse a gobernar toda a tarde dos pícaros e dese xeito deixar aos maiores coas mans ceibes prá ir ao Vello Cárcere, ou onde lles pete.

—En verdade che digo que entre pitos, frautas e Baldomeros, cada ano que pasa a consogra fai máis e máis méritos prá que a teñamos coma unha Pelúdez de seu. Unha Pelúdez auténtica e non unha feike. Onte paga o cienfalópodo, hoxe terma dos nenos, mañá... quen sabe; se cadra dálle por facernos a declaración da renda e por satisfacela tamén.

—Eu sempre che dixen que a Reborita tiña moi bo fondo — opina Filomena—, o que pasa é que ti petabas contra a supreficie e non lle vías máis ca tona.

—Madia leva! Non lle vou facer unha cata cunha barrena, coma se andase na procura de petróleo!

—Non, pero agora está moi ben que recoñezas os teus erros. Grazas á nai de Vanesa, os dous matrimonios métense no Vello Cárcere, onde Paco Nieto, Enma Alonso, Marcelo Castro, Orestes Currás e Xosé Miranda van falar dun fato de xente pouco convencional, ou coma din os organizadores do acto, de xente daquela maneira.

—Non sei de que personaxes pensan esbardallar —di o Pelúdez antes de sentar—, pero se me deixaran a min tiña prá contar sen descanso de hoxe a Difuntos.

—É certo —confirma a súa muller—. Chégache de abondo con falar de ti, que outro máis aluado ca ti non houbo nestas terras.

—Perdoa, pero eu pertenzo a outro rexemento. Cando vexo as primeiras luminarias deste mundo, Deus escacha o molde onde me fai a miña nai e dende o sitio onde ten a súa Taberna, di: "Cun Pelúdez que haxa, vai servida a humanidade".

—Seméllame un relato máis elevado da conta prá ti, pero estou dacordo. Deus escacha o molde e mais as instrucións de uso cando ti abrollas, pero o que non sei é por que dis iso da Taberna.

—Eu chámolle así, coa palabra incompleta, polo respeto que me dá falar do Taberná...culo, diante da divindade.

—Coincido. Eu faría o mesmo.

Os participantes na mesa van desenvolvendo as súas historias ata que Reigosa di se alguén quere engadir unha aportación, convite que naturalmente Pelúdez aproveita prá intervir.

—Boas tardes teñan vostedes. Vou ser breve, efémero, pasadío, lacónico, pasaxeiro, conciso... —Pelúdez...!—vocea o moderador.

—Picaches! Vou ser breve de verdade. Eu so quería ter unha lembranza prá un tipo que lle chamaban Vicente de Carril, porque era dalí, de Vilagarcía, e ao que lle 
dicían: Vicente? Descarrilaches? Polo visto volvérase tolo a noite que viu nun teatro de Oviedo El loco Dios, de Echegaray, e logo críase Gabriel Medina, o protago
nista. Un día berra na rúa: Viva a miña tía! E lévano preso porque pensan que tiña dito: Viva a anarquía! E non sei máis.

—Moitas grazas.

—Moitas denadas.

Como na saída xa era hora pró concerto de Lucía Pérez e do seu irmán Vizcaíno, a familia deu en correr pola Ronda abaixo ata a porta do Bispo Aguirre e dese xeito, coa inercia, coller logo cara a Santa María.

—Habería que poñer uns buses entre un acto e outro, porque xa non está un prá olimpiadas.

—Non ho, se queres, vén persoalmente Raúl de Sarria e lévache no colo —dille a muller, que tamén perde os folgos coa carreira.

—Pois mira, non estaría mal traído, porque eu iríalle contando á orella de cando viña na liña a Lugo, arrodeado de animais, de persoas, de porcos e de galiñas.

—Xa dixeches animais.

—Non, eses eran humanos medio bestas.

—Anda e non te queixes, que pior o están a pasar os pobriños de Mallorca.

—Dende logo, aí falaches.

Pasan uns minutos. Lucía canta os primeros temas do seu álbum Quince soles e cando ataca Que me afasten o bailado, o home desaparece e sube ao escenario prá rematar con eles a canción de Eurovisión.

Aquilo foi un éxito total. A praza víñase abaixo e a cantante pídelle que diga unhas palabras. —Queridiños, se algún mérito teño eu neste choio é que nos meus 110 anos de sanfreiláns levo bailado o que non está nos escritos de Abel Vilela, nin en ningún outro. De xeito que se alguén mo quere quitar, vaille resultar moi complicado. Abur, Ben-Hur!

CORA
 

Comentarios