Blog |

Agora que xa pasou o Perú das festas...!

A familia fai unha enquisa sobor dos sanfroiláns e cadaquén dá a súa opinión

... demostrado! SANTYOS AVÓS viñan cos netos  de cara da Milagrosa onde teñen a pensión; os fillos, dun after aguers que aínda non pechara, e eu, do Progreso. O encontro intergaláctico tivo lugar diante do semáforo da rúa Vilalba, cando por alí pasaban outras estrelas como son Maite e Manel, que ían á súa tenda.

—Xa saben o que anda a dicir a xente polos bares? —saúdanos moi misterioso o Peludeciño.

—Nin idea, se cadra que van levar o centro de Lugo ata as aforas? —di o pai.

—Non, non van os tiros nesa direución.

—Pois conta logo.

—Veño de escoitar a uns que tiñan pinta de xornalistas que os dous que subiran á fonte de San Vicente foran o Pelúdez e o seu fillo!

—Arrenegotediaño! É a primeira nova que teño do asunto! E como puiden subir eu á fonte sen sabelo?

—Non, non subiu. O único é que o está a dicir o persoal.

—E que estabades bébedos —engade a Vanesa.

—Iso si que non. Se eu estou bébedo non dou subido nin a temperatura, asinque unha de dúas, ou subiu outro por min, o estaba en prefectas condicións físicas, que tampouco o creo, porque noite máis, noite menos, sempre remato un chisco chispo.

—Vou despiejar asolutamente todas as dúbidas —intervén a Filo—. Ti non fuches baixo ningunha das circunstancias posibles porque eu estiven todo o tempo enriba de ti.

—Iso mesmo! E xa me diredes se eu podo ou non podo subir ao curuto do santo levando ás costas unha balea azul? Demostrado!

—Oes! Que eu estaba da túa parte!

—Perde coidado, churrusqueiriña.

Era unha licencia expresiva, coma a da ministra Ribera. Chámoche balea, como podía chamarte orangutana, sen que iso signifique que sexas nin un cetáceo, nin unha mona.

—Sendo así, pásocho por esta vez.

Como quedaba ben de manifesto, Pelúdez non fora un dos danzantes da fonte, entre outras razóns porque ningunha das testemuñas do feito dixo tal cousa, pero a xente, como afirma o home, "solta a lingua sen reparar en gastos".

—Agora que xa pasou o Perú das festas... —comeza a falar o home de camiño ás casetas.

—Dise o Ecuador.

—Tanto ten, un está ao carón doutro. Pois iso, xa que pasou o Perú, queríavos facer unha enquisa prá mandala ao CIS campeador e que teñan en conta as opinións do pobo.

—Sobor de que? —pregunta a Filomena.

—Sobor das vosas preferentes.

—Eu non merquei preferentes —di a Reborita—, porque desaconselloumas o meu ascensor fiscal.

—Refírome aos vosos números das festas preferentes, os que preferides de entre os que teñades visto.

—A min, o que máis me entoleceu foi o concerto de Nathy Peluso —resposta a Vanesa—, e iso sen ter en conta que polo apelido cáseque somos parentes.

—Apunta que o pensamento da Filomena vai quedar apresado pola lembranza dos Homes G e mais dos Gofiones.

—E ti, Peludeciño?

—Eu tiro máis prós galegos. Calquera deles estiveron ben, pero este ano, se teño que quedar cun acto, só poido dicir que o mellor de todos foi o xantar de onte co gallo das nosas Vodas de Porcelana.

—Oooh! Que fermosura de home! —di a Vanesa—E logo prestouche o guisote de cienfalópodo?

—Home, muller...! Dígoo polo simbolismo...!

—Si, si; pero a que estaba gorentoso o polbo, co seu prebe e todo...?

—Estaría, muller, estaría.

—E a don Pelúdez, que foi o que máis lle gustou polo momento? —pregunto eu, prá rematar a rolda.

—Eu fun sempre de bo dente e daquela abonda que ao meu redor a xente estea conforme e satisfeita prá que eu tamén o estea.

Se me quitas de diante os da casca amarga, éxito.

—Así se fala! —gábase a muller.

—Bo. Pois xa teño feita a enquisa. Agora haberá que catar o cienfalópodo, no vaia ser que pegue unha suba de prezo que haxa que tomalo na compaña de Pedro Duque, aló pola extratosferina.

—E hoxe convida vostede?

—Iso está feito. Non tiña outra cousa na cacho... Un intre, que estou vendo a unha persoa, e se cadra...

Pelúdez sae disparado cando observa que entra nunha caseta o director do seu banco. Achégase a el e coméntalle.

—Home, con vostede quería eu falar, porque me chamaron onte doutra entidade bancaria por se quería facerme deles, e claro, díxenlles, vou comentalo antes cos meus, non vaia ser... Que lle parece se tomamos unhas racións xuntos e tratamos do asunto?

CORA

Comentarios