Opinión

Deamos grazas a Deus por Xosé Sanfiz Díaz

José Sanfiz, en Moto de Torneiros a Meira. T.LÓPEZ
photo_camera Sanfiz, en Moto de Torneiros a Meira. T.LÓPEZ

Naceu o 6 de decembro de 1927 na parroquia de Santa María de Bóveda, onde dous días despois recibiría as augas bautismais. A residencia familiar mudou en varias ocasións pois seu pai Xosé traballaba coma celador de telégrafos e trasladárono primeiro a A Gudiña, máis tarde a Pedrafita do Cebreiro e finalmente a Becerreá, onde nacerían as súas tres irmás Nazaret, Concha e Marisa. 

Marchou cabo do seu tío cura Don Antonio Sanfíz López, con quen mantivo unha cálida relación coma sobriño e coma crego. Ingresa no seminario aos 10 anos. A morte de súa nai Manuela e pouco despois unha doenza pulmonar retrasan a ordenación de presbítero que terá lugar o 12 de agosto do ano 1951 de mans do bispo Don Rafael Balanzá y Navarro.  

Nese mesmo ano foi nomeado cura ecónomo de San Salvador de Sabadelle, San Mamede de Velad e encargado de San Bartolomé de Bagude (Portomarín). Meses despois toma posesión de San Lourenzo de Torneiros, concello de Pol. 

No ano 1956 tamén se fai cargo da parroquia de San Andrés de Ferreiros, diocese de Mondoñedo. E a data de 22 de xaneiro de 1957 chega a esta parroquia de Santa María de Meira.

Don Xosé desempeñou cargos de responsabilidade a nivel diocesano, por exemplo, vogal do Consello Diocesano de Administración ou membro do Consello Diocesano de Asuntos Económicos, entre outros.

A principal preocupación de Don Xosé foi a de levar a todos o Evanxeo de Xesús, nese empeño discorreu e realizou unha chea de accións pastorais. Unha axeitada catequese de comuñón e confirmación que preparaba xunto coas catequistas semanalmente e que remataba coa festa do sacramento e cun saboroso chocolate. 

Coidou a formación dos adultos organizando Cursos Bíblicos, tomando parte nos "Corsiños de Cristiandade" ou ofrecendo semanas de catequese para adultos en colaboración con Don Eladio Vega Landríz. Actividades durante a coresma, semana de motivación misioneira para o Domund, fundación do Coro Parroquial, entre outras iniciativas deste crego inquedo. A nivel diocesano participou na creación dos Cursos de Teoloxía que foron o fermento do Movemento Bíblico Diocesano.

Tamén dispuxo centros de culto para prestar un servicio pastoral máis achegado aos barrios, así ademais das escolas espalladas polos arredores construíu unha capela no barrio de Vilardemouros.  

Nesta preciosa Igrexa empeñouse en acomodala ás novas directrices do Concilio Vaticano II e facela o máis confortable posible. 

Trouxo a Meira as Asembleas Familiares Cristiás da Misión dos Redentoristas que se renovaron e mantiveron vivas ate hai ben pouco tempo.

O desgaste dos anos e unha saúde precaria fixeron que se xubilara no 2007. De feliz lembranza a homenaxe que Don Miguel Asorey xunto cos fregueses desta parroquia lle ofreceron. "Por min que non quede", respondía Don Xosé co ánimo de levar adiante e culminar as ilusións de todos. 

Entre os moitos colaboradores de Don Xosé destacamos a Amparo López Folgueira, unha muller entregada tanto nas tarefas pastorais coma nos coidados que precisou o noso crego durante largos anos.

Remata esta pequena recensión biográfica cun agradecemento a todos vós por acompañar a Don Xosé, cura de Meira, no día do seu funeral, especialmente darvos as grazas no nome de Amparo e da familia do finado.

Hoxe e sempre deamos grazas a Deus por este irmán.

Comentarios