miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

Antón Prieto: "Se volvera nacer desexaría volver ser gay. Vivín bos tempos"

ANTÓN Prieto é xornalista e traballa como xefe de Protocolo e Comunicación do Concello de Pontevedra dende hai 13 anos. Coruñés con orixes en Ortigueira, chegou á vila do Lérez no 2003 por unha oferta de traballo. Aquí casou, cun madrileño do que quedou prendado no Parque do Retiro, sendo unha das primeiras persoas homosexuais en usar ese dereito na nosa cidade. Ós seus 54 anos, Antón é unha fi gura recoñecible dentro e fóra da Administración, polo seu traballo no Concello, e tamén pola normalización do movemento gay nunha pequena vila que empeza a ser admirada en todo o mundo como un dos mellores lugares para vivir. Por iso, e polos seus selfi es, que levantan paixóns e certas aversións nos que ven na pel espida motivos para a censura. A que escribe declárase fan incondicional dos selfi es de Antón e dese peito macizo propio dos deuses do Olimpo.

Lembras a primeira persoa homosexual que coñeciches?

Intuicións tiña varias. Pero a primeira que comprobei co tacto xenital foi un divertido bébedo en Madrid, aos 19 anos. Foi unha loucura no aparcadoiro de camións do mercado de Marabillas. O nome do mercado facía honra ao momento feliz. Ao chegar á casa bebín un litro de natillas.

Se é que a homosexualidade se descobre... cando descubriches ti a túa?
Vícheste afectado por algún tipo de virus, foi culpa dunha imprudencia paterna ou brotou soa como as fl ores en primavera? (Risas) Foi defecto de fábrica. Non me pega a palabra descubrir. Foi natural, supoño que o normal cando un vai comprobando o que é o mundo, as súas apetencias, o seus praceres, o que che vai facendo feliz. Na casa durmía un amigo de meu pai que conducía unha pala desas das obras, e levábame con el… quizais iso foi conformando algo dos meus morbos polo hipermasculino. Pero nunca me preocupou a orixe de tal cousa. A natureza é así de estupenda.

Rexeitaches a túa condición algunha vez pregando ser como aqueles rapaces que levantaban as saias das nenas sen o seu permiso?

Nunca. Eu sempre dixen: se volvera nacer, desexaría volver ser gay. Vivín bos tempos e magnífi cas experiencias. Iso conta. Non quero que se interprete coma unha fanfarronada. Hai peña que non o ten doado, xa que a cultura segue a ser basicamente heteropatriarcal e a presión social e o bulling infanto-xuvenil son realidades que proporcionan aínda moita amargura no mundo.

Cando comezan os teus vencellos políticos co nacionalismo?

Aos 14 anos fun eu só á sede do Bloque a afi liarme. Son fi el porque non busco a perfección nin creo no mundo ideal. Desde entón comparto o mesmo: quero un país máis feliz e cariñoso consigo mesmo. Máis comprometido coa súa lingua e dono dos seus recursos. Non concibo o internacionalismo sen nacionalismo e penso que o contrario de ser nacionalista é ser algo cosmopaleto. Ademais, a globalización podería perfeccionarse tendo máis en conta o contorno inmediato de cada un. E agora son absolutamente fan do efecto Pontón. Adorable Ana.

Como coñeces ao alcalde? Como, en definitiva, empezas a traballar no Concello?

Estaba facendo o mesmo traballo en Oleiros, outra gran experiencia transformadora desde a esquerda. Danme a pista, preséntome, selecciónanme e coñezo a Lores o primeiro día de traballo. Un tipo xenial. O xefe que todo o mundo desexaría.

Nesa Pontevedra que atopas a principios de século, podíase ligar abertamente nos bares ou aínda quedaban resquicios das rúas escuras?

En cidades deste tamaño non hai grandes movidas LGTBI. Coñecémonos algúns, de xeito atomizado e imos tirando. Hoxe están relativamente preto Madrid ou Berlín para correr esmorgas divertidas. Rúas escuras practicamente non había, porque xa non era tempo de cruising, os 80 e 90 quedaran xa lonxe e a carreira da Alameda ou as Palmeiras tamén. Hoxe, as aplicacións de sexo acabaron con todo iso e aquí fódese tanto coma noutras partes.

Sentiches homofobia?

A verdade, eu nunca me sentín sinalado co dedo. Ás veces detectas algúns trazos de homofobia en certas persoas e actitudes, coas que por suposto hai que acabar. Pero eu xa non teño idade para deixarme intimidar por esas bobadas. Iso si, cando detectas algún caso hai que entrar no debate con decisión: denunciar, defender ás vítimas e evidenciar a sinrazón das aldraxes. Hai situacións sociais moito peores, por exemplo, na cuestión de xénero ou noutros lugares, que afectan á poboación LGTBI e ao resto: a fame, a falta de hixiene e sanidade, a educación…

Cales foron as primeiras aporta cións a nivel municipal que se fan para visibilizar o colectivo LGTB? Lembro con emoción a primeira vez que vin a bandeira arcoiris na fachada do Concello... sentinme tan orgullosa!
Eu andaba algo desconectado do movemento, e foi o alcalde quen me dixo: Chaval, e non imos facer nada por conmemorar o Orgullo? E así naceu, o primeiro ano cunha simple recepción no Concello e o izado da bandeira, despois fomos xerando conmemoracións máis festivas… As consecuencias sociais son moi difíciles de medir. A verdade, cando fixemos a exposición ‘Diversxs e visibles’ hai catro anos na Ferraría pedimos a colaboración de moitas persoas e ninguén se negou. Máis ben ao contrario, participaron con entusiasmo. Pode ser un síntoma de normalidade.

Fuches un dos primeiros en estrear o matrimonio gay en Pontevedra. Un acto de amor, unha reivindicación política ou ambas cousas?

Fomos os cuartos en casarnos, incluso unha en tempos en que era ilegal, que se plantexou como un acto simbólico e reivindicativo. O meu foi un simple acto formal e moi moi divertido: o amor xa era moi sólido, e a reivindicación política, nese senso, estaba lograda grazas ás persoas que levaban anos loitando pola equiparación formal de dereitos. Eu teño pouco de reivindicador público.

Quen é Javi Montoya e en que lugar se namorou de ti.

Foi no Parque do Retiro, preto da súa casa, en Madrid. Un 2 de xaneiro do 2000, sobre as 12 da mañá. Pasamos ese día xuntos paseando as rúas de Madrid. Aconteceu algo moi raro entre gays: tardou tres citas en querer sexo comigo! Pero pagou a pena agardar. Javi é desas persoas que debería ser obrigatorio coñecer, pero supoño que calquera pode dicir iso da súa parella. O compañeiro ideal para unha vida plena: respecto, compromiso, dignidade, admiración, diálogo, cooperación, personalidade, liberdade… para min un ser irrepetible e insubstituíble. Estou absolutamente orgulloso de que me permita vivir ao seu carón.

É a xardinaría unha das profesións máis sexies que existe?

Mmmm si… xa sabes iso dos uniformes… ademais o erotismo forestal crea adicción, e quen non quere flores na súa vida... O que me gusta do meu xardineiro de cabeceira é que con el é posible levar unha relación sexualmente aberta. Eu coñezo amantes seus e el coñece amantes meus, e tamén temos algún amante común, con toda normalidade. Follar con outros é o máis sexy do mundo.

O FLOP é a iniciativa pontevedresa para conmemorar o Orgullo, que ademais inclúe un festival de música. Como xorde esta iniciativa? Fálanos das actividades deste ano.

Fomos conformando un núcleo organizador de eventos baixo o paraugas do Concello. Hai tres anos xurdiu esa marca (Free Life Orgullo Pontevedra), que resumía o espírito da reivindicación: normalidade na vida diversa e libre, que ninguén teña que dicir como teñen que vivir os demais, a quen ou como teñen que amar. Este ano celebramos sesións sobre transexualidade nos institutos, a partires do libro de Eva Mejuto ‘22 segundos’, coa mesma autora e o seu prota transexual charlando directamente con mozos e mozas. En xullo haberá un ciclo de cinema na Pedreira e o Flop Festival o día 8, esas divertidas 12 horas de música electrónica, de romaría urbana nos Gafos.

Parece mentira que nesta sociedade teñamos que vivir situacións de homofobia e machismo entre os máis novos. Tes constancia de que isto segue acontecendo?
Constato que si, na sociedade segue habendo problemas terribles como a violencia contra as mulleres, ou os que xera este sistema capitalista cruel e corrupto, con tantos parados e emigrantes e que arrasa as economías locais. Os cambios culturais son sempre a longo prazo e penso que estamos nun nivel bastante avanzado. Tampouco creo no sistema educativo formal como marco para resolver todos estes problemas. É o sistema cultural, do que forman parte os medios, as familias, os videoclips, as noticias, os deportes… todo é mensaxe e todo axuda a cambiar o mundo ou a mantelo como está. E ademais vexo que a caspa vai en retirada.

É Pontevedra hoxe unha cidade gay friendly?
Xa hai anos que o gay é como unha tendencia de moda. Que lle imos facer. Por fortuna, aquí non hai moito troglodita. Alomenos eu non os vexo. Coñezo algúns PTV, ou persoas relixiosas, e sempre notei unha normalidade absoluta. Mira, o meu mellor amigo, confidente e compañeiro da vida é garda civil, futboleiro e hetero; a miña panda habitual é diversa e transparente. Todos coñecemos os nosos maridos, as nosas mulleres e, se é o caso, os nosos amantes. Nada que declarar. O concepto ‘gay friendly’ morreu hai algúns anos. Eu non quero amigos que teñan en conta se son gay ou hetero. Quero amigos que me queiran e a quen querer.


«Se na vida non hai algo de provocación, nada avanza»

O teu Facebook é unha oda ao nudismo. Antón, canto tempo pasas no ximnasio para esculpir eses músculos gregos?
(Risas) Canta amabilidade e condescendencia. O meu corpo é unha desgraza, está descoidado porque non logro a regularidade necesaria nin no ‘gym’ nin na mesa. Estou fofo, pero son optimista. Penso xubilarme como un ‘dady’ apetitoso, con algún admirador e algúns usuarios máis ou menos permanentes e espontáneos.

Hai pouco Eduardo Inda adicouche un artigo polas túas fotos "semiporno". Daquela tiveches unha enxeñosa resposta: dixécheslle que podiades intercambiar fotos. Por que te empeñas en ser un maricón ostentoso en lugar dun homosexual serio e responsable?
Se na vida non hai algo de provocación, nada avanza. O de Inda foi un intento de fastidiar ao alcalde promovido por un coñecido peperete local, segundo as informacións que me chegaron, pero saíulles o tiro pola culata. Foi divertido. O de ser un maricón ostentoso vai no sangue, sempre con moito respecto e admiración polo xeito de vida que elixe cada persoa.

Por que seguen a escandalizar máis as imaxes dun torso nu que os de cadáveres que vemos cada día?
Son planos distintos. Como dicía o admirado Tabucchi en ‘Sostiene Pereira’, as persoas somos como unha confederación de almas. A sobreexposición da violencia é como a droga que nos dan para que defendamos este mundo feliz na expresión máis de Huxley, este mundo que nos proporciona o benestar aos europeos hixienizados e divinos. En canto ao do torso nu, supoño que nesta época é algo máis rupturista grazas ás redes: o porno profesional está saturado de mediocridade e algunha xente vai optando polo erotismo doméstico, moito máis morboso porque facer realidade un soño erótico con alguén coma ti está máis ao alcance de cada un de nós.

Dise por aí que eres a man dereita do alcalde. Como leva o señor Lores a túa afección aos posados?

O alcalde ten moitas mans dereitas antes ca min. Eu son un acompañante máis do equipo, e estou moi agradecido de que algunha vez conten coa miña opinión para algunha cousa. Despois de darlle a volta a Pontevedra coma se fose un calcetín, comprenderás que o asunto dos meus posados artísticos é unha soberana nimiedade, algo do que nos rimos con frecuencia.

Antón Prieto: "Se volvera nacer desexaría volver ser gay. Vivín bos...
Comentarios