jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

De responsabilidade
chinesa e de pandemia

Non existen indicios de que as autoridades chinesas creasen a Covid-19 pero si da súa ineludible responsabilidade na propagación e consecuencias para o planeta. Unha hipotética situación de desamparo no epicentro do coronavirus non se sostén: Wuhan non é unha aldea no medio de ningures e atópase nunha rexión desenvolvida, excelsa en recursos, nomeadamente a nivel sanitario, albergando o máis grande laboratorio virolóxico do país. Tampouco ten de pé o argumento do ‘cisne negro’ que, no senso de Nassim Taleb, alude a un acontecemento imprevisible que, de súpeto, afecta ao sistema: a chegada dun virus así era previsible desde 2003, cando agromou outro coronavirus, a síndrome respiratoria aguda severa (SRAS), de proporcións máis modestas pero que anunciaba un escenario similar ao actual. Unha falta de control, un despiste de monitoring, tampouco é crible: China é un estado policial con inxentes medios de vixilancia, dos máis eficientes do mundo. 

O alcance da pandemia é froito dun particular réxime parapetado arredor de lóxicas autoritarias e burocráticas ben identificadas. Non gusta Pequín de quen lle afea o paraíso ‘comunista’, cazando a aqueles que ousan dar a voz de alarma e, de paso, afogando informacións que poderían resultar pertinentes. En 2003 o médico militar Jiang Yaiong foi detido cando alertou do SRAS. En 2020 un oftalmólogo, Li Wenliang, correu a mesma sorte por anunciar a Covid-19. Desde 2003 os funcionarios son sancionados se unha epidemia se propaga no seu distrito, fomentando a negación e banalización de feitos. Amais, a excesiva burocratización enlentece a transmisión de informacións. Cando foi do SRAS un informe experto alertando da súa propagación que remontaba paseniño a cadea xerárquica foi paralizado durante días á espera dun responsable habilitado para ler o documento, considerado de ‘alto segredo’. 

A opacidade é outro elemento de cargo na responsabilidade chinesa. Cunha prensa nacional atada en curto e mantendo a medios internacionais e ONG á marxe, constatando o férreo control das redes sociais, resulta imposible que cheguen informacións no momento preciso para que os chineses adopten xestos de distanciamento social e barreiras que poderían ter freado o virus nun estadio cedo. A obsesiva vontade por ocultar os trapos sucios do réxime alimenta unha cultura da mentira e da hipocrisía, omnipresente en funcionarios e gobernantes que presentan regularmente, por sistema, cifras falsas e edulcoradas. Este tipo de alburgada cotiá referida á Covid-19 foi a que, comunicada sen transfundo crítico algún por parte de Organización Mundial da Saúde, privou á comunidade internacional de indispensables e preciosos datos para a adopción de medidas acaídas co auténtico alcance e realidade do andazo. 

A xestión da Covid-19 ten amosado que democracias como Taiwán, Corea do Sur ou Alemaña obteñen resultados superiores cando actúan de xeito transparente

En tempos de crise hai quen sucumbe ás supostas bondades do autoritarismo, colixindo que os dereitos humanos son un lastre e que os estados democráticos son escravos de opinións públicas volátiles e, por extensión, incapaces de adoptar medidas impopulares. A xestión da Covid-19 ten amosado que democracias como Taiwán, Corea do Sur ou Alemaña obteñen resultados superiores cando actúan prontamente de xeito transparente. Hai dous séculos que Alexis de Tocqueville identificou os puntos febles das democracias, que asemade son a base da súa forza, sendo moitos os pensadores que, ao igual que Aristóteles, abondan nos beneficios de dispor de ‘moitas cabezas’. As nosas sociedades abertas están conformadas por cidadáns con entendemento crítico, cunha vasta capacidade de intelixencia colectiva capaz de aportar, sempre e cando se incentive e exprese en liberdade. O rol central do autoritarismo burocrático, da censura e da opacidade na propagación da pandemia debería incitarnos a pensar sobre a non democracia e as súas consecuencias que, China mediante, hoxe todos pagamos.

De responsabilidade
chinesa e de pandemia
Comentarios