Opinión

Riotorto e o carro bélico

VERGONZA ME tiña que dar sendo veciña lindeira con Riotorto, pero pouco sabía eu sobre a tradición dos ferreiros ata que este domingo me deixei embaucar na feira pola emoción coa que falaba un destes artistas sobre o traballo que aprendera do seu pai, este do seu e así durante xeracións. Relataba un oficio de gran dureza que se extendía horas de noite e de día, e que compaxinaban cos labores do agro. A terra deu auténticos artistas, dicía, como un tal José Echevarría que naceu no Mazo de Ferreiravella e que deseñou un carro de combate usado polas tropas aliadas na primeira guerra mundial. Contaba que era a primeira vez que se usaba un artiluxio deste tipo nun conflito bélico e que o home, apodado ‘Marabillas’, viaxou a Arxentina, onde os ingleses lle roubaron os planos para botalo despois do país. Nunha noticia publicada nun xornal nacional en 1918 cóntase como o enxeñeiro, de volta a España, reclamaba con documentos os seus dereitos sobre o deseño. Eu podía imaxinar que os fouciños cos que iban segar os nosos labregos a Castela, como foi meu avó, viñan de Ferreiravella ou de Espasande de Abaixo, pero non me esperaba que nesas terras puidese ter a orixe tal invento.

Comentarios