Opinión

O presidente na Mariña

QUE O presidente do Goberno central, aínda que sexa en funcións, pise A Mariña é unha noticia que non se escribe tódolos días -a miña memoria aínda non moi maior non lembra tal efeméride-, polo que se agradece enormemente o detalle. O ‘pero’, por poñer un, é que a visita chega en plena campaña electoral para as autonómicas galegas, pero imos ser optimistas e agardar que, á parte de apoiar ao seu partido, Mariano Rajoy traia nesta ocasión algunha boa nova para compartir con tódolos mariñanos.

Podería anunciar, por exemplo, a convocatoria da poxa eléctrica nunhas condicións vantaxosas para Alcoa, grandes avances para facer realidade a autovía Barreiros-San Cibrao, melloras no servizo dun Feve que cae a pedazos ou incluso unha solución para deter o deterioro da praia de Covas.

Darémoslles boa conta de calquera novidade nestas páxinas, pero de momento só se sabe que paseará por Mondoñedo e Foz antes de ofrecer o mitin central en San Cibrao, lugares nos que seguramente se dará un baño de masas, pois cabe lembrar que nas últimas autonómicas o PP foi o partido máis votado en tódolos concellos da comarca. Axudará esta visita para o domingo?

Comentarios