Opinión

O boom das temáticas

É UNHA obviedade que as festas temáticas están de moda na comarca da Mariña e, lonxe de saturar, gozan dun éxito que aínda non semella tocar teito. Cada unha delas, coas súas particularidades, atrae a centos de visitantes e temos por diante un verán de infarto. Esta mesma fin de semana xa hai tres para elexir, que son a Festa Castrexa de Burela, o Mercado Renacentista de Viveiro e unha novidade: Eu son Eo, que organizan en Abres os concellos de Trabada e Vegadeo e que xira en torno á forma de vida tradicional nas dúas beiras do río. Non haberá moito tempo para descansar xa que á semana seguinte será o Ribadeo Indiano, todo un bombazo con só dúas edicións ás costas. Outra festa nova será a Romaxe Viquinga do Vicedo, que enche de ilusión aos veciños de San Román, aos que non lles fan falta probas de carbono 14 para vincular a súa praia ás invasións normandas. E onde celebran Festa Normanda dende hai seis anos é en Foz, que a finais de agosto volverá a ver a batalla dos locais contra os invasores. Os mercados medievais de Alfoz e Mondoñedo tamén nos farán volver ao pasado nun verán cheo de outras citas ineludibles, como A Maruxaina sancibrense. Será por festas!

Comentarios