Opinión

O vello compatriota do 68

UN VELLO compatriota curtido en moitas guerras e dado a regalar consellos sen que ninguén llos pida doume un: "non escribas nunca cabreado". Sorprendido por tal lección solicitei que mo explicara, pero desde a brevidade e a claridade. "Pois-dixose te alporizas sacas realmente o que está dentro de ti, amosastes tal cal es e iso é unha información vital para os teus adversarios no momento que queiran facerte dano". Sorprendido por tal información e a maneira de dicila co cóbado apoiado no mostrador dunha tasca con máis lixo que limpeza non me estrañou nel. Home que viviu o maio do 68 leva tempo amargado e vive con rabia, coido, por non frutificar aquela revolución na que uns xoves solicitaban, fundamentalmente, a súa oportunidade para ser revolucionarios e mudar o mundo. Os grandes revolucionarios de onte son os burgueses de hoxe e reparten conferencias por máis de medio planeta falando da urxencia climática, da igualdade, da renda vital como instrumentos para situar ao mundo noutro lugar distinto ao que se encontra hoxe. Aqueles líderes procedentes do ámbito universitario como Daniel Cohn-Bendit, Jacques Sauvageot ou Alain Gesmair mobilizaron vontades para que os campus se abriran a sociedade do momento e puidese entenderse outra maneira diferente de razoar e dirixirse cara o futuro do ser humano. Confrontáronse ideas, e outras cousas, a veces con desacordos patentes nas rúas daquel París que aínda permanece nas retinas dos vellos compatriotas que seguen a levar debaixo do brazo Le Monde ou agora Le Monde Diplomatique para diferenciarse dos británicos que auscultaron unha realidade distinta a que se estaba a vivir no continente europeo. O compatriota vello ten a certeza desde aquela de vivir nun completo fracaso. Os seus líderes ou morreron ou desapareceron do mapa, excepto Daniel "O Roxo", que o decepcionou no intre no que acepta ser deputado representando aos Verdes na feira de vaidades que representa a capital bruxeliense, un atentado á honradez da persoas e un monumento ao neoliberalismo segundo el se encarga de predicar diante de quen o desexe escoitar nesa tasca, onde afoga a base dun tinto Barrantes, o desasosego producido pola perda da ilusión fai xa case cincuenta anos. Leva tempo cabreado e cada vez nótase máis espeso e escuro. Non lle rulan as ideas como fai xa algún tempo e achácao ao paso dos anos e ao estado de frustración que supón perder. Lembra a Pierre Mendes, secretario dos socialistas franceses cando dixo aquelo de que o Maio francés foi unha ocasión perdida pensamento que el mesmo confirma co seu comportamento diante dos seus. Non busca o diálogo; se non situarse dentro dos propios pensamentos que lle roen a existencia e iso fai que saia como un volcán en erupción expulsando a lava chea de lume. Non permite que ninguén lle toque a boina, xa chea de insignias, que coloca cada mañá diante do espello. Mesmo exercicio. Colocala, rirse. Descolocala. Cabrease. Sorrir para un mesmo. Chiscar un ollo. Irse.