Opinión

Emigrar é exiliarse

Baixo a protección dese edificio cuxa construción impulsou Eugenio Montero Ríos aló polo 1915 para albergar a Escola de Veterinaria, logo cuartel militar e na actualidade sede do Parlamento de Galicia, celebrouse a entrega das súas medallas que nesta edición recaeron na emigración galega.

Houbo verbas sentidas dos representantes da diáspora que recolleron a medalla en sede parlamentaria. Nas intervencións agradecéronlle á Xunta o seu apoio desde o comezo da autonomía. Alí falaron homes e mulleres que lembraron ós pais cando saíron para países descoñecidos ós que lle entregaron o mellor de si, e a cambio estes restauráronlle a dignidade por medio dun posto de traballo permitíndolles crear unha familia, mantela e educala. En definitiva, prosperar.

Emigrar é exiliarse. É un desterro forzoso que ninguén desexa. É vivir fóra do teu ecosistema para adaptarte a outro. Os galegos seguimos emigrando abandonando o pouco que temos. Antes saíamos con maleta de cartón amarrada cunha corda. Hoxe tomamos o camiño da diáspora con linguas estranxeiras aprendidas e cunha cultura que nos permite competir, se non en igualdade cos nosos anfitrións, si con valor dabondo para trunfar onde outros fracasan.

O grande fracaso sigue a ser marchar. Ningún país ou réxime político debería permitir que emigraramos de novo porque si o fai está recoñecendo a súa incapacidade para gobernar e para reter o talento dos seus cidadáns, que é o capital máis valorado para o desenvolvemento das sociedades. Do noso país. Mais os últimos datos indican que os galegos estamos espallados en 137 países, dos 194 que recoñece a Onu, dando un censo de 458.668 almas que peregrinan polo mundo adiante como unha sorte de santa compaña na procura dun sustento que os separa das súas familias e do seu núcleo de relacións, ¿que clase de gobernos son aqueles que permiten este éxodo?. ¿Temos, acaso, os galegos algunha eiva para elixir a gobernos que nos expulsan dos nosos campos, dos nosos mares e sen que lles pidamos contas?

Emigrar é exiliarse. No exilio arxentino forzoso viviu Castelao, tantas veces lembrado, ou Luis Seoane, o artista completo ao que Isaac Díaz Pardo ofreceulle a súa amizade, o mesmo que a Blanco Amor ou a Rafael Dieste. No exilio mexicano estiveron Bibiano Osorio Fernández Tafall, o alcalde máis xove de España, Luis Soto, Carlos Velo, Arturo Souto acollidos polo presidente Lázaro Cárdenas, un político que ademais de amosarse humanitario aproveitou as cabezas máis salientables para poñelas ao fronte das grandes institucións do país azteca, o mesmo aconteceu co historiador e político, Emilio González López, profesor na Universidade Pública de Nueva York e autor de Grandeza e decadencia do Reino de Galicia ou Historia de Galicia, entre outros.

E tantos outros afincados en Chile, Puerto Rico, Perú, Brasil, Venezuela, Canadá, Australia formando as clases dirixentes deses estados, xerando empresas de éxito. Algún deles regresaron no outono das súas vidas para morrer e outros non puideron. Algúns deles trateinos no estranxeiro e nunca se me esquecerá o amor que sentían pola terra. Crearon semente fóra. Arrepíanseme os pelos.

Comentarios