Opinión

Escola Poética Vilalbesa. 120 anos do nacemento de Carmiña e de Engracia

As dúas viviron a maior parte da súa vida en Vilalba, tiveron moita relación con Valdoviño, naceron en xaneiro de 1901 e faleceron en maio, en anos distintos
Engracia Vérez e Carmiña Prieto Rouco. EP
photo_camera Engracia Vérez e Carmiña Prieto Rouco. EP

Carmiña Prieto Rouco e Engracia Vérez Puentes adicaron boa parte do seu tempo á poesía. Unha, Carmiña, nacía en Vilalba; Engracia, en Lousada, Xermade. Unha, Carmiña, comezou a escribir ben nova, e ben nova publicaba o seu primeio libro; Engracia comezou a escribir algo máis tardíamente e agás algunha publicación solta non editou ningún libro. As dúas viviron a maior parte da súa vida en Vilalba, e as dúas tiveron moita relación con Valdoviño, xa que alí finou Carmiña e alí viviu uns anos (e logo pasou moitos veráns) Engracia. E as dúas naceron no mes de xaneiro de 1901, hai agora 120 anos.

Carmiña Prieto Rouco naceu e viviu na Rúa Porta de Cima. E aínda que ela mesma sinala na presentación do seu libro O derradeiro que non tivo "…máis estudios que os que me deron na escola primeira. Despóis fun adeprendendo nos libros que fun adequerindo e que éu trataba que fose de gusto depurado así ó meu xeito e de bos autores…", na súa infancia e xuventude tivo que ler El Eco de Villalba, asistir á eclosión do periodismo na capital chairega e vivir moi de cerca o que os Grupos de Traballo do Insua Bermúdez denominaron como auténtica primavera cultural. A través daqueles periódicos, Carmiña puido ler textos de Noriega Varela ou Iglesia Alvariño, entre outros. De feito, Carmiña vivía a pouco máis de 100 metros do comercio de Antonio García Hermida, polo que non sorprende que os seus primeiros poemas os editara, con 18 anos, precisamente no Heraldo de Villalba, periódico fundado en 1916 polo propio García Hermida. 

Mentres, Engracia Vérez, que tan só coñeceu a seu pai por carta, xa que este tivo que emigrar a México para non voltar, estudou en Vilalba e fixo Maxisterio na cidade da Coruña. Ben seguro que na súa etapa de estudante tivo oportunidade de ter nas mans algún dos periódicos que se editaban na Vilalba da época e tamén na Coruña. En 1919 remata Maxisterio e logo dunha breve estadía en Cabreiros é trasladada a Vilarrube, Valdoviño, onde estivo ata 1933, onde naceron sete dos seus oito fillos e onde escribiu os seus primeiros poemas e atesourou lembranzas que máis tarde serán recoñecidas nos seus contos.

Carmiña Prieto Rouco publica con 25 anos o seu primeiro libro de poemas, Horas de frebe, un conxunto de poemas propios da xuventude que vivía a autora, e que ela mesma recoñecía anos despois como un tanto infantís. Xulio Xiz Ramil, no seu interesantísimo (e no caso de Carmiña, fundamental) Os poetas de Villalba. Lembranza de Carmiña Prieto Rouco, apunta á presencia dun bucolismo propio da idade da autora, pero xa presaxia un certo fatalismo na súa poesía, que será unha constante na súa obra. Anos máis tarde, en 1934, Carmiña publica Violetas, na Tipografía de Gerardo Castro, en Lugo; un libro que ela mesma subtitula como Poesías. Monólogos. E en 1956, Lluvia menuda, unha serie de meditacións catequísticas en galego e en castelán, adicadas ao daquela bispo de Mondoñedo, Mariano Vega Maestre.

En 1964, con portada do vilalbés López Guntín, edita A virxe viuda. Poida que sexa o libro máis interesante de Carmiña Prieto Rouco, pola súa estrutura e mesmo polo seu contido. Está escrito a xeito de cartas en verso entre un home e unha muller, que narran, como indica Xiz Ramil, un amor desgraciado, roto pola pobreza, pola emigración; en definitiva, roto pola lonxanía.

Durante esas décadas, dende os 30 ata xa chegados os 70, Engracia Vérez Puentes exerce a súa profesión de mestra na vella escola graduada de Vilalba e segue a escribir poemas, e tamén contos. Pero, ao contrario de Prieto Rouco, Engracia non publica nada, agás algúns poemas na revista Arquero, de Barcelona, en 1955 e en 1956. En todo caso, a autora sempre lle deu máis importancia aos seus contos: entendía que tiñan máis interese cós seus poemas. A pesares diso, Engracia foi recollendo os seus poemas, ordenándoos, mesmo depurándoos, e recolleunos en dous libros: Sueños de una vida (poemas en castelán) e Rosas da miña roseira (120 poemas en galego); aos que hai que engadir o libro de 43 contos Socedallas

No referido aos libros de poemas, o seu fillo Antonio Carreira Vérez sinala, na biobiliografía de súa nai en culturagalega.org, que "no que toca ao idioma, se se divide a súa obra en dúas etapas desiguais de duración e densidade, antes e despois da súa xubilación, obsérvase que a obra castelá predomina na primeira e a galega na segunda, aínda que neste caso os contidos acostuman remontarse ata a súa nenez ou máis atrás. En xeral, parece escoller o galego para expresar o humor e o castelán para temas serios ou íntimos como o relixioso".

Nos derradeiros anos da súa vida, Carmiña Prieto Rouco vive en Valdoviño cuns familiares. Alí escribe con nostalxia sobre Vilalba, e alí pechará o que será O derradeiro, libro que recolle poemas de varias etapas da súa vida, que a autora ve xa como definitivo, e que por desgraza non verá editado en vida. Un libro pechado polo seu derradeiro poema, Becqueriana, escrito o 24 de abril de 1977. Poucos días máis tarde, o 11 de maio, falece a Cantora da Terra Chá, como moitos poetas e escritores se referiron a ela, e só unhas poucas semanas despois sairá do prelo O derradeiro.

Engracia Vérez, mentres, vive unha xubilación ben merecida e mesmo fecunda nas súas afeccións, incluída a poesía. Viúva dende o ano 1978, Engracia finou en Vilalba en 1983, o 12 de maio; curiosamente, Carmiña e Engracia naceron no mesmo mes e ano, xaneiro de 1901, e faleceron tamén no mesmo mes, maio (anque en anos distintos).

A primeira recompilación editada de poemas de Engracia Vérez (16 en galego e oito en castelán) ve a luz, grazas á colaboración da familia Carreira Vérez, no imprescindible e iniciático Seis escritores de Vilalba. Escolma poética, dos Grupos de Traballo do Insua Bermúdez, editado en 1986 pola Deputación Provincial de Lugo. No mesmo libro, inclúense sete poemas en galego e dous en castelán (todos eles publicadas na prensa vilalbesa de antes da Guerra Civil) de Carmiña Prieto Rouco, xunto con doce poemas de Entroido, moitos deles musicados por Celestino Currás Guntín e aparecidos en follas voandeiras con motivo de celebracións carnavalescas previas tamén a 1936.

Nada mellor para rematar esta lembranza de Carmiña Prieto Rouco e de Engracia Vérez Puentes, cando se cumpren 120 anos do seu nacemento, que reler o soneto que Engracia lle adicou a Carmiña no primeiro cabodano da morte da Cantora da Terra Chá, como mostra da amizade e da consideración mutua que se profesaron:

Nosa Carmiña con door chorada,

hirmá na fe, tamén na poesía,

seguir o teu soñar en buen quería;

ó non poder chegar, fiquéi calada.

Déixame que che adique esta balada,

da nosa Chaira doce Rosalía,

para romper a cantar, torpe e tardía,

pois ti, ruliña, xa non cantas nada.

Marmurios dos regatos bulideiros,

bris que abala os carballos nos outeiros

e que as froles belidas aloumiña.

Do xílgaro a cantiga que namora…,

calade todos que vos trai a aurora

dende o ceo un mensaxe de Carmiña.

Que a semente poética de Carmiña e de Engracia non caía no esquecemento e siga a dar froitos na capital chairega.