miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Corenta anos do pasamento de Xosé Luis García Mato en Vilalba

Para afondar nese inmenso e intenso amor que sentía por Vilalba e Terra Chá, nada mellor que achegármonos aos testimonios escritos de quen o coñeceu e o tratou
Xosé Luis García Mato. EP
Xosé Luis García Mato. EP

Era luns. Aquel 21 de xaneiro de 1980, hai 40 anos, pola mañanciña, aos 55 anos, apagábase a vida de Xosé Luis García Mato. Levaba anos con problemas de saúde. A vida non o tratara ben, precisamente. O mércores 23, El Progreso recolle unha reseña sobre o enterro, celebrado o día anterior, indicando que asistiu "…una impresionante cantidad de gente, llegada desde los más diversos puntos de la provincia…", e afirma que "…el Ayuntamiento villalbés ha dado el nombre de José Luis García Mato a una de las calles de la villa…".

Xosé Luis García Mato naceu en xullo de 1924. Fillo de Irene Mato e de Antonio García Hermida, O Guedelliñas, como o alcumou seu pai, quedou orfo aos quince anos e non tivo outra ca buscarse a vida, traballando e ao mesmo tempo chegando a facer a carreira de mestre, aínda que complementou a actividade profesional do maxisterio con outras actividades para sacar adiante á súa familia, mostra dun carácter moi de seu e dunha tenacidade envexable. Mais no fondo do seu maxín sempre latexou a ansia de escribir, nada estraño xa que tivo como referente ao seu pai, dono dunha tenda pero tamén poeta, articulista e fundador e editor de periódicos.

García Mato tivo tres facetas claramente definidas na súa actividade literaria e cultural. Unha, a creativa, reflectida nos seus contos, nos seus libros de poemas e mesmo nos seus artigos en prensa. Unha segunda, a recuperadora, na que destacan a edición de poemas do seu pai no ano 1973 na Editorial Castrelos, titulada Charetas, con prólogo de Manuel María, epílogo de Xesús Rábade Paredes e notas do propio García Mato; a edición dos Poemas galegos doutro gran poeta vilalbés, Chao Ledo, en 1976, publicada por Do Castro, e tamén a exposición antolóxica do pintor vilalbés Insua Bermúdez no verán de 1974. E a terceira, a investigadora, centrada na súa Vilalba natal e na Terra Chá. Súas son importantes achegas para coñecer as cabeceiras pediodísticas na capital chairega antes da Guerra Civil, para afondar na figura de Manuel Mato Vizoso e mesmo na de seu pai, Antonio García Hermida, ou para difundir datos sobre o castelo de Vilalba.

Efectivamente, Vilalba era o gran amor de García Mato. Deixouno reflectido en motísimas ocasións. Así, polo San Ramón do ano 1956 publica no diario El Progreso un artigo titulado Villalba, amor eterno, adicado "a los villalbeses que, como yo, pasarán el San Ramón en el destierro", e que remata así: "Porque Villalba —la villa luminosa— ¡qué bien lo sabéis vosotros, desterrados!, es el cariño eterno, el amor perdido inolvidable".

Para afondar nese inmenso e intenso amor que Xosé Luis García Mato sentía por Vilalba e pola Terra Chá, nada mellor que achegármonos aos testemuños escritos de quen o coñeceu e o tratou. Porque será así como nos decatemos da enorme importancia que ten este home para Vilalba, e Vilalba para el.

Por exemplo, Xulio Xiz, no seu libriño Os poetas de Villalba, que editou Celta en 1983, chega a afirmar que "…de García Mato estará dito casi todo si afirmo que quixo a Villalba tanto como a sí mesmo". E recolle un anaco do poema Tempo do amor á terra, escrito en 1972, fondamente significativo: "Eu son terra de ti Chairiña anterga,/Terra Chá, terra miña, meu amor./eu son terra de ti,/de tí estou feito/ feito estou da tua lama e da tua pedra,/ da tua luz, da tua sombra, da tua herba,…".

A Deputación Provincial de Lugo editou en 1986 o libro dos Grupos de Traballo do colexio Insua Bermúdez Seis escritores villalbeses. Escolma poética. Nel, definen a García Mato como "…traballador incansabel pola cultura de Villalba…". E no prólogo do mesmo libro, Manuel María afirma o seguinte: "Pra nós García Mato era Villalba: o seu escuro, poderoso e glorioso pasado. Mais tamén unha indomabel chama apaixoada, ardendo xenerosa, alumando o tempo menestoroso que lle tocou viver e que, pese a todo, non puideron matar nin os xeados ventos que agalloparon a Terra Chá, nen as máis frías xistras invernais".

Lis García Ferreiro, fillo de García Mato, no epílogo de Dando novas túas —escolma de poemas feita polo propio Lis e editada por Do Castro en 1986—, considera preciso "reivindicar o home villalbés que foi García Mato, cuia vida, maioritariamente pasada en Villalba, foi adicada casi completamente a animala culturalmente, reivindicala e engrandecela na medida que soupo e puido, erros incluidos, pero sempre cheo de un fondo e longo amor… Reivindicala memoria do home que reivindicou nomes hoxe dabondo coñecidos en Villalba e fóra dela, e iñorados ou esquecidos hasta fai ben pouco".

Para afondar na personalidade de Xosé Luis García Mato, partindo da súa propia autodescrición —"humilde servidor de ud., vagabundo por obligación, emigrado a la fuerza, de profesión, hombre. Nacido villalbés, con gran amor a su tierra. Juglar, aunque no aún trovador"—, nada mellor ca ler como desenvolve tales definicións, e con que sentimento, o vilalbés Bernardo García Cendán no seu prólogo á obra periodística que, dentro da obra completa de Xosé Luis, editou a Deputación Provincial de Lugo en 2009. Paga a pena.

Sobre a poesía de García Mato, Darío Xohán Cabana, no seu limiar á obra poética denantes citada, refírese a el como "…autor dunha obra galega digna e nobre no seu conxunto, escrita nunha lingua excelente de matriz popular e coidadosa elaboración culta, algunhas veces chegou ós máis altos cumes da poesía, e na suma dos seus versos poden escolmarse varios poemas dignos de figurar ó carón dos mellores dos poetas maiores do seu tempo".

Necrolóxica en El Progreso.El Progreso, no seu número de 22 de xaneiro de 1980, martes, recolle, ademais dun obituario sobre García Mato, unhas verbas do vilalbés Paulino García Seco: "Se silenció tu musa, y sin ella Villalba se queda huérfana". No mesmo número tamén Trapero Pardo fala dun García Mato "… preocupado por dar a conocer lo que fue, es y puede ser Villalba, su ciudad natal, porque la villa le dolía, como buen hijo de la misma".

Xosé Luis García Mato publicou o seu derradeiro artigo o día de San Ramón de 1979, catro meses e medio antes de finar. O artigo, titulado Donde se nos dice quien era Manuel Mato y como ganó una medalla de bronce en Lugo, xa chegando ao seu remate, inclúe unha frase sumamente reveladora e premonitoria: "Si Dios da suerte y salud al cronista quizás en un próximo futuro podrá ampliar, y mucho, lo que ya sobre Manuel Mato lleva escrito". Certamente, e por desgraza, non puido darlle continuidade aos traballos sobre o seu tío avó, que de seguro tiña preparados, nin a ningún outro. O seu derradeiro poema, segundo o seu fillo Lis, foi Poema pra unha netiña, datado o 17 de outubro de 1979.

Hoxe, corenta anos despois da súa morte, lembrar a Xosé Luis García Mato é un exercicio de xustiza para recoñecer a valía do seu legado e do seu amor e compromiso con Vilalba. E aí está.

Corenta anos do pasamento de Xosé Luis García Mato en Vilalba