Blog |

É posible unha praia fluvial en Lugo?

As características do río, con 133 especies protexidas, fan difícil o proxecto, ao que a Xunta e a CHMS chegaron a dar o visto bo, e invitan a pensar en alternativas, como piscinas
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera O río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Pode a cidade dispoñer dunha praia fluvial ou algo que se lle pareza, como as piscinas flotantes proxectadas polo goberno de Lara Méndez? Se se lle fai caso a este, Lugo non ten zona pública de baño porque a Xunta quere prexudicar os partidos que gobernan a cidade. Se se atende ao que di a Xunta, non a hai pola incompetencia do Concello, que non ofrece, di, suficientes garantías de que a estrutura que propón non afecta a especies protexidas no río, como os mexilóns, nin de que a plataforma é segura para os bañistas. A pesar diso, no ano 2019, a Xunta chegou a darlle permiso ao Concello para levar a diante o proxecto, aínda que condicionado ao cumprimento dalgúns requirimentos, como a comprobación de que non se afectaba a especies protexidas. Posteriormente, o permiso chegou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Á marxe de cuestións de seguridade —por certo, ata agora só tratadas por un departamento con a priori poucas competencias niso, como é a Dirección Xeral de Patrimonio Natural— e deixando ao lado as liortas políticas, a realidade fai pensar que a materialización dun proxecto deste tipo en Lugo é sumamente difícil. Por non dicir imposible. Seméllao polas características do río na cidade. Non o di a Xunta, dino organismos como o Comité de Reservas da Biosfera e a Sociedade Galega de Historia Natural, documentos como os catálogos español e galego de especies vulnerables e especialistas que coñecen ben o territorio.

O Miño en Lugo forma parte dunha Reserva da Biosfera porque nel habitan 133 especies protexidas, entre elas os polémicos mexilóns, segundo o informe elaborado polo comité español en 2011, cando se falaba da praia fluvial nos Robles. Dende Nadela cara a arriba, é o treito de río con máis biodiversidade de Galicia, xunto coa parte internacional. Todo o tramo urbano está considerado hábitat de interese comunitario, pero a zona dos Robles, que a Xunta parece suxerir agora cando propón que se estuden lugares con máis profundidade e auga máis encorada, ten especies case únicas no mundo, como algún tipo de nenúfar, e tamén bivalvos. 

Seguir gastando forzas na praia fluvial e seguir confrontando políticamente ano tras ano, ademais de cansar os cidadáns e por en evidencia a competencia dos xestores políticos, seguramente é unha perda de recursos. Quizais valería máis empezar a pensar en alternativas, que ao mellor ata tiñan mellor acollida veciñal. Por que non unhas piscinas públicas gratuítas?

A dicotomía de coidar ou de gozar do río

"Facer unha praia fluvial sería a mellor forma de matar o río", dixo máis dunha vez o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Pablo Ramil. O biólogo pon o exemplo de Ourense. É unha cidade que vive o río. Fixo del un lugar de esparcemento e de refresco, pero "está todo morto", di. Gozar do río ou coidalo é unha dicotomía que non semella difícil resolver e que ademais confronta dous dos obxectivos do actual goberno municipal: a sostibilidade ambiental e a dinamización da contorna fluvial como espazo de gozo e xerador de actividade económica. O río é vida e del bebemos. Igual toca elixir.
O BNG, nai da criatura, mira dende a barreira

Se Méndez leva anos pelexando por materializar a praia fluvial en parte é porque é un proxecto —no que ela tamén cre— que os socios nacionalistas puxeron como condición nos pactos de goberno co PSOE xa na década pasada. Na actual coalición, os nacionalistas deixaron a zona de baño público en mans dos socios. É lóxico porque os socialistas ocúpanse da área de medio ambiente, pero o BNG seguramente sabía o que facía. Agora ve os touros dende a barreira, ao igual que noutros asuntos que traen de cabeza á alcaldesa, como a reparación dos problemas do novo auditorio, que logo xestionará o BNG.

Comentarios