viernes. 22.11.2019 |
El tiempo
viernes. 22.11.2019
El tiempo

Os chineses coñécennos

Os bazares orientais son punta de lanza e adáptanse rapidamente á idiosincrasia de cada lugar

É MANIFESTA a visión comercial dos chineses e a súa inmensa capacidade de manufactura —as condicións laborais e as consecuencias para o medio ambiente son outro tema— e evidente o consumismo do mal chamado primeiro mundo, por iso non debera sorprender que tamén en Lugo sigan abrindo eses megabazares que son capaces de cubrir case todas as necesidades mercantís dunha persoa, menos as alimentacias, de momento.

O fenómeno non ten a dimensión do doutras cidades, mesmo galegas, pero Lugo xa ten catro hipermercados orientais e unha ducia de tendas. O último que abriu foi Epoch, nas Gándaras, que pasa por ser o de maior superficie nunha única planta na provincia. A amplitude, a variedade da oferta e a facilidade de acceso e de aparcadoiro son algunhas das características que comparten os catro hípers, todos eles nas áforas da cidade: na estrada de Santiago, no Ceao (dous) e nas Gándaras.

A competitividade para o consumidor xa é outra cousa, porque se os bazares chineses empezaron sendo esas tendas nas que un podía satisfacer por poucos céntimos as ansias consumistas con produtos que moitas veces non tiñan ningunha utilidade, foron evolucionando ata convertérense en tendas cun abano de posibilidades, e polo tanto de prezos, case inimaxinable. Menaxe, ferraxería, papelería, textil, mascotas, decoración, xoguetería, xardinería, ata tecnoloxía e maquinaria agrícola se pode atopar no último local que abriu en Lugo.

Os chineses non só son uns expertos en fabricar e en vender senón que son uns grandísimos sociólogos. Virán da outra parte do mundo. e cos galegos pouco máis que comparten a afección polo churrasco, bromeaba hai uns meses un dos socios do novo híper das Gándaras, pero coñécennos como ninguén. ¿Como, se non, neste establecemento podería haber unha enorme ringleira deses mandilóns de todas as formas e cores sen a que a metade das mulleres galegas se sinten espidas?

Os bazares son unha competencia para o resto do comercio, pero non son a primeira preocupación deste. O que máis vendas lles resta ás tendas de Lugo é o comercio online e aí é onde a Federación de Comercio está centrando os seus esforzos, asegura o presidente da entidade, José María Seijas. En colaboración coa Deputación, prepara o lanzamento dunha ferramenta integral de xestión e venda online que ademais lles permitirá aso comercios posicionar os seus artigos noutros portais virtuais, como Amazon ou eBay. Hai que adaptarse aos tempos para non perder corda, como cando cando chegaron as novas superficies e houbo que renunciar aos mostradores, e iso é algo que teñen moi claro algúns comerciantes e que a outros lles custa máis.

Esa preocupación polo comercio electrónico non quita que a federación estea vixiante para que os bazares cumpran toda a lexislación para exercer. "Trátase de que todos esteamos en igualdade de condicións", asegura Seijas. Son competencia relativa, pero competencia.

"Hecho en España"
EN TEMPOS de patriotismo e de proteccionismo, os chineses demostran de novo a capacidade de adaptación. Nalgúns bazares empezan a verse produtos coa frase, en lugar ben visible, de "Hecho en España". Tampouco isto supón garantía de calidade e de condicións de produción. Os talleres clandestinos, xeralmente integrados con obreiros estranxeiros, aínda que non unicamente, non son unha realidade allea.
Anticipan acontecementos
OS BAZARES chineses adoitan ser a avanzada de moitas tendencias e mirar a eles serve para anticipar acontecementos. Pouco antes da explosión do españolismo vía bandeiras nos balcóns, estas empezaron a verse nestas tendas. O movemento dos chalecos amarelos e a victoria de Trump tamén se sospeitou en China. As súas fábricas recibían encargos desa prenda e moito merchandising do empresario.
O e-ticket está de camiño
DENTRO do proceso de dixitalización no que está inmerso o comercio lucense, a federación prepara a incorporación dos asociados que o desexen á plataforma que permitirá expender tique electrónico. Esta opción permitiralles aos clientes e ás tendas coñecer o estado e a garantía das súas compras e vendas. O tique dixital evita a pérdida ou o deterioro do tique tradicional en papel e reduce o consumo deste.

Os chineses coñécennos
Comentarios