Blog | A Semana do Revés

Un colexio no centro

A XUNTA ten anunciada a construción dun colexio no barrio do Sagrado Corazón, pero non parece moi discutible que no centro da cidade fai falta outro. É unha zona na que traballan moitos pais e a proximidade ao traballo é un dos factores que máis se teñen en conta á hora de escoller colexio, xa que os únicos centros que dispoñen de servizo de transporte público son os de As Gándaras, Casás, A Ponte e Nadela.

Os colexios públicos do centro e do sur da cidade, ademais do Luís Pimentel (A Piringalla), non son capaces de asumir toda a demanda. Lugo é a cidade galega que rexistra a porcentaxe máis alta (6,2%) de nenos que non conseguen praza no centro desexado polas súas familia. Neste escenario ten sentido a batalla de C's para facer un colexio no antigo cuartel de San Fernando, unha proposta que antes xa fixera EU. A competencia é da Xunta e C's solicitou unha entrevista coa delegada de Educación en Lugo, despois de que o goberno local rexeitara a proposta en base a que non lle compete dicirlle á Xunta onde ten que facer colexios -aínda que algo debera opinar sobre as necesidades da cidade (e algo di noutros casos, como o do Sagrado Corazón)- e que o edificio non cumpre os requisitos que se precisan para un centro escolar, cuestión que C's discute en base ao decreto de centros escolares. O edificio ten luz natural e máis de 900 metros para patio parcialmente cuberto.

A formación laranxa lembra que o anteproxecto de auditorio para San Fernando xa prevía cubrir o patio interior, que se podería repartir entre pista deportiva e de usos múltiples e zona de xogos infantís. A maiores, detrás do edificio, que quedará libre de todo cando se derrube a vella lavandería, hai outro espazo que supera os mil metros cadrados. Segundo o estudo que un arquitecto fixo para C's, o espazo permitiría facer unha pista de fútbol sala, outra de baloncesto e xogos infantís. O grupo político cre que todas esas dotacións (moi escasas no casco histórico), e outras como a biblioteca e o salón de actos, deberían estar a disposición da cidadanía fóra de horario lectivo.

Cs asegura que se pode aproveitar boa parte do anteproxecto do auditorio, como o salón con 100 butacas, biblioteca, cafetería-restaurante (para comedor), sala de usos múltiples e, para aulas, os máis de 2.000 metros de zonas expositivas e almacéns. O grupo político aclara que a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do antigo cuartel non define usos e que o Pepri permite destinalo a colexio.

O goberno local informou onte de que enviou á Xunta un escrito co acordo do Consello Escolar Municipal de demandar un novo centro de ensino no casco histórico ou nas inmediacións. Tamén pide que se comprobe se o colexio A Milagrosa cumpre os requisitos de instalacións e seguridade.

A proposta de C's parece ben armada e como mínimo debería ser estudada. Aínda que non é a única opción que hai no casco histórico. Entre A Tinería e Ollos Grandes hai unha unidade de actuación público-privada na que está prevista a construción de edificios de vivendas, pero quizais unha dotación pública sería máis acaída para un espazo tan emblemático.

Menos é máis?

O NOVO colexio substituiría o de Quiroga Ballesteros, antigo e con problemas de espazo. Non ten comedor nin espazos deportivos e a biblioteca está nun corredor, sinala Cs. Estas carencias poden ter que ver con que para o curso que vén sobre algunha praza, aínda que tamén é unha vantaxe que os grupos sexan reducidos, de 14 ou 15 alumnos. Segundo Cs, San Fernando podería acoller dúas liñas de 25 rapaces por aula.

Máis peonalización

O GOBERNO prevé peonalizar un tramo de Quiroga Ballesteros (o da praza de abastos), pero Cs propón eliminar o tráfico (agás o de carga e descarga, residentes e párkings) en toda a rúa, en Montevideo, Bolaño Rivadeneira, Amor Meilán e San Fernando. A medida iría acompañada dunha reordenación dos tráficos, para que a entrada e saída aos dous aparcadoiros que hai na zona foran máis curtas.

Museo en Santa María

CS PROPÓN levar o museo da romanización, previsto en San Fernando, ao complexo de Santa María, onde hai moito espazo e está a carón do centro e do Carme, cun gran potencial arqueolóxico. Os detractores cren que iso retrasaría máis a materialización do museo. Tamén hai quen cre que un museo dinamizaría máis o centro que un colexio e quen recorda que San Fernando xa está enriba dun xacemento arqueolóxico.

Comentarios