Blog | A Semana do Revés

Tras gañar hai que gobernar

A complexidade da xestión municipal fai que cobre relevancia a elección dos futuros xestores

Un cidadán exerce o seu dereito a voto. AEP
photo_camera Un cidadán exerce o seu dereito a voto. AEP

A EXPERIENCIA dille a Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e candidata a volver a selo, que sen un equipo de xente leal e capaz é moi difícil xestionar, máis aínda un Concello como o de Lugo, con pouco persoal, conflitividade laboral, asuntos xudicializados e moito por facer, en parte por todo o anterior. Méndez traballou neste mandato cun equipo que non elixiu —con algunha excepción entre o persoal asesor— e seguramente non desaproveitará a oportunidade que agora ten de rodearse das persoas que considere que máis lle poden axudar. Aínda que a marxe de manobra sempre é menos da que se pensa, pola necesidade de atender ás distintas sensibilidades do partido —ao fin e ao cabo, é clave que o partido empuxe— e porque é difícil que determinada xente acepte embarcarse en política.

Neste intre, Méndez ten cousas máis urxentes sobre a mesa e é habitual que, como o PP, o PSOE apure os prazos para presentar a candidatura, pero é inevitable que comecen a barallarse nomes. Por necesidade e por hábito, non sería estrano que a candidata buscara na Deputación. É tradición que o segundo da lista sexa o potencial candidato á presidencia da Deputación, pero poida que esta vez se rompa polo interese xa manifestado de Darío Campos, alcalde da Pontenova, de continuar á fronte da institución. A oposición popular ve de segundo na lista municipal a Álvaro Santos, vicepresidente da Deputación e responsable do PP na provincia. No pasado foi candidato por Friol, pero deixou a portavocía municipal.

O nome podería encaixar porque o PSOE fai lista cremalleira e porque hai quen cre que, visto que tería o paso cortado para a presidencia da Deputación, Santos podería ter posta a vista na alcaldía no caso de que a esquerda impedira investir a unha Méndez imputada. Aínda que pode que as imputacións xa non sexan o cordón sanitario que eran, á vista de como resultaron algunhas e da reflexión que fai algún partido que foi vítima e verdugo, como o BNG.

Outro nome que esta semana saíu á luz  para a lista do PSOE é o de Óscar de la Parte, xefe de gabinete de alcaldía. CSIF focaliza nel a suposta estratexia que, segundo o sindicato, tería o goberno para non aprobar a RPT antes de maio, por interese electoral. Outros veno  na Deputación, a onde tamén podería chegar vía lista municipal.

Tamén o candidato do PP, Ramón Carballo, ten moi claro, ou iso di, que ten que facer unha lista "para gobernar". Cre que é o que debe condicionar a candidatura, porque opina que "non hai fichaxes que gañen as eleccións", o que non significa que non haxa que afinar cos nomes, "porque si pode haber quen che axude a perder", di.

Carballo coñece a experiencia de facer listas electorais, porque no pasado foi candidato na Montaña, e di que é "o máis complicado". Amosa sorpresa con algún nome que xa saíu, como o do veterinario Manuel Ernesto García Rodríguez, porque asegura —para quen queira crelo— que nin sequera na súa cabeza hai candidatos de momento. Dá algunhas claves para cando toque: o criterio será o seu, non será imprescindible ter carné, aproveitará a xente "que coñece o Concello por dentro" e os candidatos deben estar dispostos "a traballar noite e día no goberno". A boa política esixe un sacrificio moi forte, di, pero, en contra do que se poida pensar, asegura hai xente disposta a dar o paso.

A parroquia de Vox
Vox pode que teña tamén en Lugo máis parroquia da que algúns pensan, como no resto da Galicia, onde algún enquisador político lévase as mans á cabeza polo apoio que ve entre a cidadanía ao partido de extrema dereita. Vox aínda non ten estrutura en Lugo, pero está niso porque recibe chamadas de cidadáns para afiliarse e para ofrecerse a ir en listas. Quere concurrir na capital e nalgúns dos principais concellos.

Unha esquerda atomizada
Podemos, Eu e Equo negocian para presentar candidatura conxunta en Lugo, no marco do acordo nacional, pero semella difícil que as negociacións cheguen a porto. Xa en 2015 non foi posible unha confluencia da esquerda que teoricamente está á esquerda do PSOE. EU foi por un lado e Podemos acabou indo en Lugonovo, de onde saíu hai meses. A día de hoxe hai máis papeletas de que desta vez sexan tres.

Xea e a culpa é da alcaldesa
Levamos unha semana de xeadas —en xaneiro, ollo— e a culpa é da alcaldesa, pensarán algúns. Semella que está detrás de todos os males que sofre a cidade. Nas redes sociais xa se fan chistes, como que o primeiro neno nado en Lugo este ano cúlpaa do retraso no parto. Certo que a xestión municipal é deficitaria e que ás veces merecería máis autocrítica ou máis explicacións, pero o outro empeza a ser cómico.

Comentarios