Blog | A Semana do Revés

A Tinería xógase moito

DI A Xunta que A Tinería non é o peor lugar da cidade para vivir. Pode que sexa certo, pero o que é seguro é que para moitos cidadáns tampouco está no primeiro posto. É o barrio máis antigo de Lugo, abrázano tres bens Patrimonio da Humanidade e está no centro da cidade, xeralmente o lugar máis mimado das urbes. O problema é que a degradación urbanística do barrio segue sendo grande. A baixada pola Rúa Miño engana. É unha das arterias do barrio e a máis rehabilitada. Se se baixa pola outra, a rúa Tinería, xa cambia o conto. Hai un grupiño de coloreadas casas arranxadas, pero teñen xusto en fronte un soar cheo de maleza pechado por unha parede que leva máis dunha década suxeita con vigas de ferro. E bolsas de lixo arrimadas a ela un mediodía calquera. Se un se adentra na barriada polas canellas ou mira para ela dende a muralla, encólleselle o corazón. Hai construcións sen teito, soares cheos de lixo, de herba ou de foxos que quedaron tralas excavacións arqueolóxicas feitas hai anos e casas sen ventás ou sen fiestras que deixan ver os vertedoiros nos que acabaron convertidas.

A falta de vida no barrio tampouco axuda a levarse unha boa impresión. Hai que ter sorte para ver entrar ou saír a algún veciño da casa e sobran os dedos dunha man para contar os negocios que teñen as portas abertas. E logo está o capítulo prostitución. É certo que, no barrio propiamente dito, non son moitas as mulleres que seguen exercendo e a maioría esperan os clientes nos recunchos máis discretos, pero a actividade estendeuse sen ningún recato ao outro lado da muralla, ao entorno da igrexa do Carme; os veciños aseguran que nos últimos tempos foron ocupadas tres casas como prostíbulos e na principal rúa da Tinería segue funcionando un club. Non son cuestións menores.

Haberá quen pense, estou absolutamente segura, que este retrato non axuda a facer barrio. Que só pon o acento no malo, que viría mellor poñer en valor o que se fixo por el e a transformación que experimentou. Efectivamente, a zona mudou. Se agora aínda hai moita xente que evita A Tinería, hai quince anos só poñían os pés nela traballadores e clientes da prostitución e da drogadición e xente que acababa a noite nalgún dos pubs da zona, que a maioría dos lucenses asimilaban a antros. A ruína urbanística era aínda maior e o barrio dábase por perdido.

O barrio dá pasos atrás no camiño da rehabilitación urbanística e social que iniciou hai máis dunha década


O destino da Tinería cambiou grazas a dous políticos —José López Orozco e Manuel Fraga— que se aliaron para poñer en marcha un plan de rehabilitación do barrio como poucas ou ningunha vez se viu en Galicia e duns empresarios —a familia Fernández, fundamentalmente— que apostaron pola zona cando ninguén cría nela. O Concello foi arranxando rúas e espazos e a Xunta comprometeuse cun ambicioso programa de compra, rehabilitación e aluguer de vivendas a mozos a prezos máis que apetecibles. Os albaneis e as grúas foron chegando á zona e os clubs e as mulleres foron marchando. Deixou de ser un lugar apartado. Moi pouco a pouco empezou a haber outra vez vivendas habitadas e a crearse unha pequena zona de hostelería. Pero o barrio daba un paso para diante e outro para atrás. Algúns deses negocios pecharon, alegando que o ambiente na zona seguía sendo marxinal e incómodo para os clientes; a Xunta tivo que retirar a vivenda a alomenos unha familia porque fixera dela un punto de venda de droga e nalgún momento, segundo datos da propia Xunta, chegou a haber máis pisos dispoñibles ca persoas interesadas neles. Sinal de que algo non funcionaba cando o acceso a vivenda foi sempre unha demanda da xente nova.

A administración acabou por eliminar o requisito de idade e abriu a todos os publicos posibilidade de facerse cun fogar na Tinería. En 2014, a Xunta anunciaba a inminente adxudicación de 14 pisos. Dous anos despois, a maioría seguen baleiros e volve a falar da próxima entrega de 15 vivendas, máis outras dúas que xa estiveron ocupadas. Agora si hai demanda. Para A Tinería e o núcleo rural de Mazoi hai 158 persoas en espera, segundo a listaxe publicada pola Xunta a primeiros de ano.

Resulta tan difícil de entender esta demora —se hai razóns que a xustifiquen, deberían explicarse— como atopar os obreiros que a Xunta di que seguen traballando na Tinería e as partidas destinadas a este barrio nos orzamentos dos últimos anos.

Sería inxusto, con todo, atribuír á Xunta todos os males do barrio. Leva razón o director do IGVS cando di que a rehabilitación urbanística e social dun lugar non se pode condicionar só ao investimento público nin este pode manterse de forma indefinida. O barrio tamén o fan os veciños que deixan as bolsas do lixo arrimadas ás paredes ás catro da tarde; as mulleres que acuden a ofrecer os seus servizos sexuais, pode que por que non lles quede outra; os clientes que van en busca deles; os propietarios de casas que as deixan caer; os cidadáns que as empregan como basureiro; os adxudicatarios das vivendas públicas que fan mal uso delas, e o Concello como a administración que debe mirar pola convivencia e o bo uso dos espazos públicos.
O goberno local di que a Policía vixía a zona, pero a realidade é que os axentes vense ben pouco por alí, o mesmo que por outras zonas da cidade. Se a iso se engade que Lugo segue sen unha ordenanza de civismo, actividades como a prostitución na rúa e o botellón quedan no limbo.

O caso é que A Tinería está nunha encrucillada. Ou o investimento e a atención pública se intensifican ou corre o risco de perderse o traballo e o investimento feitos. E non só perderá o barrio. Perderá a cidade e perderemos os cidadáns. A Xunta di que este ano arranxará outra casa e o Concello asegura que mirará máis pola zona. Precísase moito máis, pero será un gran se as administracións cumpren. E din que os grans fan montes.

Comentarios