Blog | A Semana do Revés

O tempo como espectáculo

HAI INVESTIGADORES que cren que aínda non hai suficientes datos científicos para constatar a teoría do quecemento global e o cambio climático -os meteorólogos, por exemplo, en xeral son reacios a falar con rotundidade neses termos-, pero o fenómeno cada vez parece máis incontestable e incluso investigadores que hai uns anos eran escépticos acaban por rendirse ás evidencias. O catedrático de Farmacoloxía Luis Botana, da facultade lucense de Veterinaria, así o recoñecía neste xornal hai xa dous anos, despois de que o seu laboratorio detectara toxinas mariñas estrañas ou nunca descritas en Europa, senón propias de zonas tropicais.

Coma este hai moitos exemplos. Os investigadores apuntan a un horizonte de temperaturas máis altas e precipitacións máis concentradas, o que conlevaría tempadas de seca máis longas. E algo diso vemos xa. En Galicia, no período 1961-2006 prodúxese un aumento da temperatura de 0,18ºC, segundo o panel do clima que se creou durante o goberno bipartito da Xunta. E nos últimos anos vemos como hai máis meses de seca ao ano. E sufrimos as consecuencias. A última colleita de millo foi unha ruína e apretou aínda máis os xa asfixiados gandeiros. A de pataca tamén foi moi frouxa e, nos dos últimos meses, o tubérculo da Limia pasou de custar 23 ou 25 céntimos o quilo a rozar os 40. Tamén se disparou o prezo de moitas hortalizas, en parte, porque as xeadas acabaron cos cultivos en moitos outros países europeos e España non dá abasto.

E non paran aí as consecuencias. O Ministerio de Medio Ambiente baralla prohibir o cultivo da pataca en varias rexións de Galicia nas que o tubérculo está afectado pola polilla guatemalteca, moi presente en América e que chegou a España polas Illas Canarias hai uns quince anos. En Galicia hai zonas afectadas en Ferrol e na Mariña.

Os efectos do cambio climático no futuro son difíciles de predecir, pero o aumento das pragas, a desaparición dalgunhas especies e a superpoboación doutras, e as restricións no subministro de auga xa empezan a ser unha realidade. Ata hai uns días, as reservas dos os encoros galegos estaban por debaixo do habitual nesta época. Poder visitar de novo as aldeas que anegaron no seu día ten encanto, e seguramente tamén ten repercusión económica na zona, pero é arriscado non mirar máis alá. Ou confundir os períodos invernais de boas temperaturas e falta de choiva co ‘bo tempo’.

A pesar de todos os incontestables sinais de que o clima está cambiando, o nivel de inconsciencia e despreocupación segue sendo grande. Non hai mellor mostra ca que o presidente do país se permita dicir que co aumento das precipitacións o prezo da enerxía baixará. Ou que o panel do cambio climático da Xunta leve anos inactivo.

E como non está ben sinalar os erros alleos e non mirar os propios, hai que dicir que, ás veces, tamén os medios de comunicación contribuímos a esa visión superficial dos fenómenos meteorolóxicos ao reducilos a espectáculo.

Non só a igrexa aforra o Ibi

SEMELLA necesario revisar o acordo sobre asuntos económicos que teñen o Estado Español e a Igrexa dende o ano 1979 para que instalacións lucrativas como o aparcamento público do Seminario de Lugo tributen. Porén, un informe municipal revelou que hai moitas outras entidades que están exentas de pagar o Ibi, mentres que edificios modestos e de interese social, como os locais das asociacións veciñais, están obrigados.

A cara e a cruz da Policía Local

A POLICÍA Local de Lugo é un dos servizos cuxa imaxe máis se deteriorou nos últimos anos e actuacións tan sorprendentes como a da pasada fin de semana, cando non investigou a un condutor temerario que a punto estivo de atropelar a varios peóns, non axudan. Tamén sabe ser profesional e axudar aos cidadáns -hai uns días detivo a un mozo que pegaba á súa noiva na rúa-, pero poucas veces dá a coñecer o seu labor.

Ter diñeiro e non poder pagar

A MOROSIDADE das administracións públicas cos seus provedores é un mal estendido e de graves consecuencias. Non son unha nin dúas as empresas que desapareceron en boa medida debido aos impagos. Pero que un Concello teña liquidez e non poida pagar, como lle sucede ao de Lugo, é un despropósito. E que non poida tramitar internamente as facturas de xeito electrónico e teña que imprimilas, outro maior.

Comentarios