Blog | A Semana do Revés

O cefalópodo, unha incógnita

Os cambios nas casetas e a carestía do polbo debuxan un panorama de San Froilán moi aberto

Caseta do polbo en San Froilán. SEBAS SENANDE
photo_camera Caseta do polbo en San Froilán. SEBAS SENANDE

O SAN FROILÁN leva camiño de ser unha incógnita cada ano no que respecta ao polbo, que para moitos é a esencia e o seguro de vida das patronais. Aos acontecementos dos últimos anos -accidentado desembarco dun empresario alleo á hostalería que ao segundo ano abandonou, recuperación do negocio polos polbeiros clásicos e posterior renuncia para forzar cambios nas bases- súmase agora a carestía do plato estrela, que pasará de 8 a 12 euros. É un prezo similar, e incluso inferior, ao que se paga en moitos restaurantes -nas feiras non subiu tanto-, e incluso ao que se pagaba xa hai anos en establecementos de fóra de Galicia, pero é posible que teña un impacto na afluencia ás casetas.

A perspectiva coa que os polbeiros afrontan as festas varía. Ana López, de Torre de Núñez, cre que é positivo que a cidadanía é máis consciente de que o polbo subiu moito en orixe. Actualmente ronda os 18 euros o quilo, aínda que os grandes polbeiros mercan o produto con meses de antelación -porque ademais "o polbo bo é o de inverno", destaca López- e en grandes cantidades, polo que lles resulta máis económico.

López asegura que a demanda de polbo na cafetería e no restaurante de Torre de Núñez en Conturiz non variou, aínda que admite que non é o mesmo que nunha caseta porque alí a xente "non vai comer polbo". Torre de Núñez non prevé aumentar a carta no feiral e descarta encarecer os produtos cuxos prezos non están fixados polo Concello. "A xente non ten que asustarse por vir a unha caseta. É sinxelo: o que queremos é que quede contenta", asegura.

Para Juan Pazo, fillo de Aurora do Carballiño, non é tan bo que se fale do caro que vai o polbo e cre que a suba a 12 euros seguramente vai influír na demanda. O hostaleiro non as ten todas consigo e di que falou con algún polbeiro, «co que hai afinidade», sobre a posibilidade de cobralo menos. «Entre 8 e 12 euros pode haber un punto medio», afirma. «Se decidimos algo teremos que falalo co Concello», apunta. A responsable de Torre de Núñez precisa que as bases municipais non deixan marxe a variar o prezo da ración e ve «absurda» a proposta. Esa cantidade é a que propuxeron precisamente os hostaleiros das casetas cando forzaron un cambio das condicións ante a imposiblidade de facer fronte ao custo do produto coa ración a 8 euros, alegaban. "O quilo anda por 18 euros, dependendo do calibre, pero é que a cabeza non a pos", sinala.

No que coinciden os dous hostaleiros é en saludar a entrada de novos polbeiros, os irmáns Carballeira, do Restaurante Nadela. Rexentarán a caseta á que renunciou Aurora do Carballiño, que recoñeceu que optou a dous postos para eliminar competencia. Hai quen pensa que o fixo coa esperanza de chegar a un acordo para alugarlle a caseta (a infraestrutura) a Manolo de Marce, que este ano decidiu non presentarse, pero sería difícil que iso sucedera porque este responsabiliza á polbeira do Carballiño das denuncias que tivo en 2016. Xunto a Aurora, Torre de Núñez e Nadela, servirá polbo no feiral La Palloza.

Inaudito despregue felino

A XESTIÓN pública non deixa de asombrar. A raíz das queixas dunha veciña por un fogar de gatos nun baixo da cidade, a Xunta mandou de oficio catro funcionarios (o primeiro día, un e o segundo, tres) para comprobar se había maltrato animal, o que quedou descartado. Á cidadanía gustaríalle a mesma dilixencia noutros asuntos. Para paliar os danos da fauna salvaxe nos cultivos, mesmamente.
 

Edil a cen quilómetros

NON é imposible facer un bo traballo político a cen quilómetros, pero é chamativo que unha persoa que foi elixida para mirar polos asuntos da cidade (neste caso, dende a oposición) viva na Coruña, a onde acaba de trasladarse a edil Victoria Esteban, de Lugonovo. A formación non deixa de ‘perder’ valores. Do grupo marcharon Fernández Rocha e Iñaki García e da asemblea, persoas vinculadas a Anova, Podemos e EU.
 

Máis soldo para docentes

OS PROFESORES galegos verán incrementado o seu salario a partir deste mes. Como sucede en tantos outros ámbitos, sobre todo na función pública, hai quen non merece ese suba e quen aínda debería cobrar máis. Os docentes quéixanse de que cada vez teñen máis traballo burocrático e funcións non estritamente educativas, como entregar en man cada neno á súa familia cando finaliza a xornada escolar.
 

Comentarios