Blog | A Semana do Revés

Mellor estarse quietos

Co estreado do lameiroparking, Méndez paga o prezo da alegría nas promesas e da falta de acerto

El leiraparking del Hula. XESÚS PONTE
photo_camera O leiraparking do Hula. XESÚS PONTE

XA DICÍA o inefable Liñares, que durante anos foino todo no Concello de Lugo, que era mellor non facer moito, porque cada vez que solucionaba un problema ou respondía a unha demanda veciñal, aparecía outra. Non se sabe se o dicía en broma ou en serio, pero ao mellor á rexedora Lara Méndez lle pasou pola cabeza algo parecido esta semana. O Concello abriu o leiraparking, unha dotación cuxa conveniencia está fóra de toda dúbida pero cuxas carencias tamén quedaron en evidencia axiña. Na primeira mañá de funcionamento, o mal uso do espazo, que non ten delimitadas as prazas para estacionar, deixou ‘secuestrados’ a varias decenas de condutores, os gorrillas empezaron a facer negocio e o terreo converteuse nun lameiro debido á choiva e ao máis que inapropiado firme, de area pisada. Méndez paga o prezo dunha desas promesas que os seus antecesores lanzaron alegremente no pasado, sen calibrar se a obra se podía levar a cabo, ou de que maneira, quizais confiados en que, total, nada ten custo electoral. Ou ao contrario, que de calquera cousa se pode sacar rédito.

A alcaldesa paga esas alegrías e tamén a falta de acerto, político e/ou técnico, á hora de executar a obra. Como ben advirtira o exvoceiro municipal do PP, Jaime Castiñeira, durante anos, a marxe de manobra nesta parcela é moi pouca debido á súa calificación urbanística. É un terreo rústico que no novo PXOM se transforma en urbanizable e para levantar calquera dotación primeiro hai que urbanizar o sector. Pero sucede que esa é unha das partes do PXOM á que a Xunta lle puxo reparos hai anos e que aínda segue pendente de aprobación. Por todo iso, o Concello presentou á administración autonómica un proxecto de mínimos e iso foi o que lle foi autorizado. Pero hai quen se pregunta se había tanta diferenza —máis aló do custo— entre botar area pisada, grava ou outro tipo de material similar ao dos aparcadoiros privados que hai no perímetro do hospital. En Lugo chove —cada vez menos, pero chove— e non é moi difícil adiviñar que sucede cando se xunta a auga e a terra.

Dende logo, a parcela está mellor cá antes, cando era monte e aínda así algúns condutores aparcaban nela, pero é un exemplo de intervención mal pensada e pon de manifesto a incapacidade da administración local para responder en tempo e forma a moitas demandas dos cidadáns. Do leiraparking empezouse a falar hai sete anos.

Con todo, e a pesar das carencias, haberá condutores que agradezan o rebautizado lameiroparking, onde o estacionamento é gratuíto. As prazas libres nos arredores do hospital son insuficientes, aínda que se incrementaron en 150 coa nova disposición que fixo o Concello en 2016, e deixar o coche no aparcadoiro do complexo sanitario sae moi caro. Non hai comparación, claro. O estacionamento do Hula é cuberto, ordenado e vixiado, e iso custa. Outra cousa é que sexa o máis caro dos hospitais públicos galegos, segundo o estudo da federación veciñal. Iso é máis difícil de explicar.
Co estreado lameiroparking, Méndez paga o prezo da alegría nas promesas e da falta de acerto

U-lo 5% do PXOM?
Construír aparcadoiros nos arredores do hospital —e calquera outro servizo— sería máis sinxelo se o PXOM estivera aprobado ao completo. A Xunta deixou en suspenso o 5% en 2011 e, tras anos de pelexas entre o Concello e a Hidrográfica sobre a pertinencia de estudos hidrolóxicos e a responsabilidade de facelos, o goberno local decidiu asumilos. Encargounos hai un ano a Epypsa, a empresa redactora do PXOM.

Culpas repartidas
Di o refraneiro que os acertos teñen moitos pais e os erros ningún. Na tardanza do leiraparking hai para todos. A xestión municipal é desesperadamente lenta, pero a oposición tampouco o pon fácil. O rexeitamento á aprobación do orzamento o ano pasado impidiu dispor de fondos. E sobre a colaboración da administración autonómica, tanto para actualizar o PXOM como para facer esta obra, tamén quedan dúbidas.

Concellería imposible
Se algo debería ter claro Méndez se a partir do vindeiro maio ten que volver a facer equipo é que unha macroconcellería de urbanismo, medioambiente e persoal é inviable, por moita dedicación que lle poña o titular, como é o caso de Daniel Piñeiro. Máis aínda coas carencias de persoal que ten o Concello. Meridianamente claro teno o propio Piñeiro, que hoxe por hoxe ten poucas ou ningunha gana de repetir.
 

Comentarios