Blog | A Semana do Revés

Ladran, logo cabalgamos

DESPOIS DE meses escoitando a C'’s criticar a política fiscal deste país e opoñerse a novos impostos, en Lugo acaba de pedir a creación dun novo tributo para os cans urbanos, que sería de 10 ou de 15 euros anuais, segundo o tipo de animal. O obxectivo sería recadar fondos para ampliar e mellorar as instalacións das mascotas e para axudar á Protectora. A proposta recibiu máis críticas e chanzas ca aplausos, aínda que tamén hai quen a ve ben, incluídos algúns donos de cans, como o propio edil de C's Jesús Expósito, que, coma moitos outros pais, acabou asumindo o coidado da mascota do seu fillo.

Con independencia do acerto ou non da proposta, serviu para demostrar que tamén dende a oposición se pode facer política, e incluso marcar o debate público durante uns días, e que, en xeral, a cidadanía amosa máis interese por temas cotiás ca por outros de bastante máis calado, como poden ser o planeamento urbanístico dunha cidade, as ordenanzas que a rexen ou a perda de cartos que se produce tódolos meses polos contratos municipais que están caducados. É, ademais, outra proba do cambio de paso que deu o grupo municipal de C's e de como, con só dous concelleiros nunha corporación de vintecinco, está conseguindo unha notable visibilidade. De xeito informal, Expósito xa puxera sobre a mesa a súa idea de crear un imposto ‘perruno’ —como o bautizou daquela— hai uns meses. Foi no ámbito dunha comisión municipal, onde a idea lle valeu as risas do resto de participantes. Pero o grupo decidiu facela pública agora, coincidindo cunha nova marcada pola fichaxe dun ousado asesor con moitas horas de voo no xornalismo e na comunicación política e un bo coñecemento do Concello, onde anos atrás exerceu para outro partido político.

Hai quen se tomou a risa o imposto canino, quen o calificou de ocurrencia e quen o tomou moi a mal. Hai quen cre que se trata os cans como obxectos e non como seres vivos, e que se criminaliza os seus donos, e quen considera que unha cousa é protexelos e outra, case equiparalos a persoas.

C's quere que Lugo sexa declarada cidade amiga dos animais, pero o problema é cando se deixa que irresponsables donos de mascotas atropelen os dereitos dos cidadáns. Non serán maioría, pero hai moitos propietarios que deixan no xardín e nas beirarrúas as defecacións dos seus animais ou que se toman a molestia de agacharse e metelas nunha bolsa para despois deixala no lugar, como sucede a diario na muralla, a pesar de que hai papeleiras en cada un dos accesos. Tamén hai quen leva os cans soltos pola rúa sen importarlle se hai persoas que se sinten incómodas ou que os deixan correr e xogar polo medio dos nenos nos parques.

O goberno local di que a Policía xa actúa contra estas infraccións e que en breve fará unha campaña de concienciación, pero en todo o ano pasado non houbo nin unha soa multa. Empeza a sonar a aquela popular frase do exalcalde Orozco. "Estamos niso", dicía. E nalgúns asuntos non saíamos do paso.

EN LUGO hai censados uns 13.700 cans (un por cada sete habitantes), pero hai moitos animais sen inscribir, segundo certifican profesionais como os veterinarios e a xente da Protectora. A cidade ten tres canís, polo que saen a 4.500 animais por cada un deles. En teoría, estes son os únicos espazos nos que poden terse soltos, pero á vista está que moitos donos non fan uso deste recintos e que os levan soltos pola rúa.


CIUDADANOS lembra que o Tratado de Lisboa e o Código Civil de Francia recoñecen as mascotas como "seres vivos sensibles á dor"; que Trigueros del Valle (Valladolid) tenas declaradas "veciños non humanos" e que en Viena os cans son considerados "cidadáns" e pagan impostos para gozar de tal privilexio. C's presentou unha iniciativa no Congreso para que as mascotas deixen de ser "bens patrimoniais" no Código Civil.

A DECLARACIÓN DE Lugo como cidade amiga dos animais podería ser un revulsivo turístico, para atraer visitantes que viaxan con mascotas, opina C's. Cita o exemplo de Xixón, que ten unha oferta para este tipo de público baixo o lema GijónYesMyCan e Gijón Dog Friendly. Ten 42 espazos públicos para cans, praias para animais e vinte aloxamentos que aceptan mascotas, ademais de comercios e locais de hostalería.

Comentarios