Blog | A Semana do Revés

Caras vellas para as listas novas

A dificultade para incoporar xente á política é unha das razóns de que os partidos recunquen

José López Orozco. EP
photo_camera José López Orozco. EP

AS LISTA electorais para as municipais de maio na capital da provincia probablemente tardarán en coñecerse, non tanto por estratexia senón pola dificultade que teñen todos os partidos para incorporar persoas novas e para encaixar intereses. Non é novidade, pero semella que o reto  de convencer aos cidadáns para que dean un paso adiante cada vez é maior. Iso é o que transmiten os partidos, todos, os novos e os vellos, os que xa teñen representación e os que aspiran a tela. A mala imaxe que ten a política, a tendencia humana á comodidade e a complicadísima situación interna do Concello poden ser algunhas razóns. Cabezas de cartel que non van sobrados de carisma quizais tamén inflúen.

Ao mellor por iso para algunhas candidaturas soan rostros que xa estiveron no Concello no pasado. Está por ver que papel vai xogar —se é que vai xogar algún— o exalcalde José López Orozco, que en 2015 lle deu a alcaldía ao PSOE pero non puido ocupala porque o BNG e Lugonovo esixiron que así fora. Agora ao partido gustaríalle que volvera a ter protagonismo, seguramente porque sabe que, como hai catro anos, Orozco aínda suma. Quen sabe se incluso máis que daquela, á vista das exculpacións xudiciais —outra cousa é a responsabilidade política— e de que, en termos xerais, a xestión municipal non mellorou, a pesar dos esforzos de Lara Méndez e do seu reducido e precario equipo.

A necesidade tamén obriga en Lugonovo, onde é posible que volvamos a ver a persoas que xa tiveron acta de concelleiros. Algunhas das que seguen moi vinculadas ao proxecto político son os exconcelleiros do BNG Xosé Anxo Lage e Neves Núñez, que é membro da coordinadora de Lugonovo. Os dous, xa fóra do Concello, pasaron a integrarse en Compromiso por Galicia, para logo abandonar tamén estas siglas e embarcarse no proxecto de unidade popular. É o mesmo percorrido que fixo o tamén exedil Xosé Chorén, aínda que este sumouse máis tarde a Lugonovo, alomenos de forma pública. Foi hai preto dun ano e ao pouco empezou a soar como o vindeiro cabeza de cartel da formación, aínda que ao final o partido aceptou darlle a oportunidade a Cristina Pérez, que asumiu a portavocía municipal cando marchou Santiago Fernández Rocha. Pérez foi a única candidata a alcaldable de Lugonovo nas primarias de outono. A Rocha, pola súa parte, houbo quen o tentou, de momento sen éxito, para algún proxecto de independentes, que tampouco ten traza de que vaia ir aló.

Do mandato que está a piques de rematar, Lugonovo, ou alomenos algúns dos seus integrantes, sacaron algunhas aprendizaxes: o coñecemento do funcionamento da administración é clave e na oposición pódese contribuír a mellorar a xestión e a vida dos administrados, pero no goberno moito máis. Son premisas que poden influír á hora de conformar a candidatura.

Tamén no PP hai rostros do pasado que semellan ter interese en volver ao consistorio. Iso se di de Teresa Taboada, que formou parte do equipo de Joaquín García Díez en 2007. O BNG xa recuperou para o número tres a Álex Penas, que foi asesor municipal na etapa de Antón Bao e Paz Abraira

A difícil cota feminina
A maioría dos partidos teñen establecido criterios para formar listas paritarias, pero case todos teñen dificultades para incorporar mulleres, en xeral máis reacias aínda que os homes a ir á primeira liña da política.Nalgúns partidos ten máis explicación ca noutros. Aínda non se sabe se Vox presenta candidatura en Lugo, pero na reunión informal que celebrou hai uns días nunha céntrica cafetería só había unha muller.

Máis marea na provincia
O escenario para as mareas quizais é menos propicio agora que hai catro anos, pola errática evolución dalgunhas delas (empezando pola autonómica) e porque o traballo, intenso nalgúns casos, non deu moito froito. Porén, En Marea márcase o reto de aumentar as candidaturas e os votos na provincia, con miras a entrar na Deputación. En 2015 acadou 5.300 votos en Lugo. Cuns 2.500 máis na zona centro podería ter deputado.

Guerra de vídeos
A campaña de 2015 non foi moi limpa e semella que esta non vai ser mellor. Hai unhas semanas circulou un vídeo dunha intervención mellorable do popular Ramón Carballo e esta semana rulou outro dunha viaxe a Cuba de empresarios e políticos socialistas, con imaxes de reunións e visitas culturais. Din que o fixeron eles, para recordo persoal, pero difundiuse —fogo amigo?—  e deu lugar a lecturas de todo tipo.
 

Comentarios