Opinión

Os deportados esquecidos

O 5 DE MAIO de hai setenta e catro anos as tropas norteamericanas entraron a liberar o campo de concentración de Mauthausen. Alí atoparon o horror que as palabras non podían describir pero que as fotografías que Francesc Boix foi sacando permitíu mostrar. Entre elas a imaxe que nas portas do campo mostraba unha gran pancarta que dicía: "Los antifascistas españoles saludan a las tropas liberadoras". A Mauthausen e ós campos adxacentes se lle chamaba o campo dos españois porque por alí pasaron case dez mil; a metade foron exterminados nas cámaras de gas, por fame, agotamento, golpes e desespero . Entre eles caseque douscentos galegos. 

Eran republicanos que sufriron o exilio nos campos franceses, tiveron que participar nunha nova guerra, foron tomados prisioneiros e finalmente trasladados ós campos de concentración coa connivencia do goberno franquista e o réxime nazi. 

Os que sobreviviron nunca poideron esquecer ese pesadelo e foron novamente abandonados polo seu país, durante o franquismo e ata agora. Incluso o monumento erixido no campo foi sufragado polas familias. 

Dende a ARMH levamos tempo investigando os casos dos galegos deportados que sufriron ese calvario, documentando os casos, atendendo ás familias e solicitando homenaxes. 

Os que sobreviviron nunca poideron esquecer ese pesadelo e foron novamente abandonados polo seu país

Por toda Galicia, coa exposición sobre Francesc Boix, acudimos con expertos e familiares a contar o Holocausto, para que se coñeza e para que se recoñeza. Centos de persoas achegáronse a coñecer as testemuñas de primeira man dos que sufriron a deportación e as súas consecuencias no eido familiar. 

Conseguimos que se lles honrara oficialmente no 2018 nun acto solemne o día 19 de marzo no Parlamento de Galicia. Seguimos coa confianza de poder facer honras en todos os lugares onde houbo deportados. En Lugo foron máis de trinta. 

Ó longo do Estado están tamén recoñecendo e lembrando a súa memoria con monumentos e placas. 

O goberno de España no BOE do martes 30 de abril anunciou a instauración do dia 5 de maio como o "Día de homenaje a los españoles deportados y fallecidos en Mauthausen y otros campos y a todas las víctimas del nazismo en España". 

Esperamos que non sexa papel mollado e que sirva para recoñecer e honrar a toda a xente que tanto sufríu e ás suas familias e que sirva para demostrar ata onde chega a intolerancia e o odio.

Comentarios