Opinión

A voltas cos eólicos

Unha vez máis toca falar de eólicos. O noso país está en pé de guerra polo desembarco masivo de proxectos de diversas empresas, unhas delas co auspicio do goberno español, e outras, co do goberno galego.

Na Galiza contamos con 180 parques eólicos con 4.000 aeroxeradores, que producen uns 3.778 MW. Os datos, de fins do 2019, proceden da Asociación Eólica de Galicia, estando o 30% deles en municipios de menos de 5.000 habitantes.

Outras fontes sinalan que a Xunta está pendente de conceder autorización a 300 novos parques, amais dos expedientes que se poidan presentar. Non dá feito e, por isto, inventou unha moratoria. Para o único que vale é para que non prescriban as actuais solicitudes de instalación que non consigue resolver. Tristemente non vai modificar, en absoluto, o panorama eólico desordenado que teremos que soportar neste noso país.

Están a sementar macromuíños polos montes, cada vez máis altos, cada vez máis achegados ás poboacións e ás vivendas. E, todo isto, estase facendo sen o máis mínimo consenso cos seus/súas habitantes. Que os muíños sexan cada vez máis grandes supón que o dano que causan para construír os parques, e unha vez instalados, é maior, pero tamén multiplican a produción de megawatts de potencia e, polo tanto, os beneficios das empresas.

As incidencias causadas pola instalacións indiscriminada dos complexos eólicos é múltiple e desgraciadamente, se non se frea, afectarán a toda Galiza, sen que quede excluído ningún lugar. O impacto paisaxístico é importante, como xa podemos comprobar nos lugares que están inzados deles. Pero, hai moitas consecuencias máis, incluso á marxe das perdas ecolóxicas que se poidan producir, como son a perda de valor das vivendas próximas e das terras agrícolas, que pasarán a ter unha cualificación de solo industrial, aínda que sigan mantendo un uso agrícola. E a última, e non menos relevante: o despoboamento.

Isto entronca cun problema galopante do interior rural galego: a perda crónica e sen freo da poboación. Non se están a desenvolver medidas serias para evitar a sangría demográfica. Instalar parques eólicos sin taxa vai ser o que remate por baleirar definitivamente o interior do país, cuestión esta que están desexando as empresas que, para xustificar a súa instalación, xa argumentan que as zonas están deshabitadas, sen que sexa certo. Ao final, serviralles para xustificar que son elas as que lle aportarán valor a este baleiro.

O Plan Eólico Sectorial vén de mediados dos 2000, cando a tecnoloxía era outra e as necesidades enerxéticas de electricidade tamén, por isto o que clama a poboación é un novo plan eólico que sexa consensuado, que poida combinar a xeración de enerxía eléctrica coa protección do medio ambiente, dos núcleos de poboación e do futuro demográfico das zonas onde se instalan.

Máis dun centenar de asociacións veciñais, ecoloxistas, sindicatos agrarios, concellos e particulares levan tempo presentando alegacións contra a instalación de novos parques. Isto denota que a poboación se sinte lesionada, que considera que o goberno da Xunta, o Ministerio de Transición Ecolóxica e as empresas están actuando ás súas costas e para o seu prexuízo.

A coordinadora ‘Eólica así non’, formada por máis de 170 colectivos, convoca este próximo sábado día 11, con motivo do Día Mundial das Montañas, mobilizacións en 22 localidades, para pedir que a moratoria da Xunta sexa real e efectiva e paralice os proxectos en tramitación. A idea é parar este modelo depredador de modo que se poidan defender ecosistemas clave para o desenvolvemento do noso país. Para isto é imprescindible un novo plan eólico consensuado coa sociedade.

Comentarios