sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Respecto e vida: 25 N

Como muller de mediana idade, nin pobre nin rica, que vive no mundo occidental, nun estado do primeiro mundo, en pleno século XXI, e con tódalas contradicións que isto supón, róndanme na cabeza varias preguntas nestes días. Vexamos: Por que teño máis posibilidades de ser asasinada que un home da mesma idade, que viva na miña contorna? Por que as probabilidades de converterme en vítima dunha violación tamén son moi diferentes? E, cal é a razón pola que temos que estar sometidas a maior presión social para exixirnos un determinado comportamento?

A resposta a todos estes interrogantes é dolorosa, sen dúbida. Ten que ver co feito de pertencer a unha das metades da poboación do mundo, 3.500 millóns de persoas, mulleres, para as que existen uns requirimentos impensábeis para os homes e que transcenden clases sociais, nivel económico ou cultural.

Neste noso modelo democrático e de ‘benestar’ tódolos anos se suman mortes de mulleres polo feito de selo. Son asasinatos a mans de parellas, ex parellas e outros. Os seus fillos e fillas son utilizadas para danalas e cada vez danse máis os casos de violencia vicaria. Por iso, ben recibida sexa a ampliación no cómputo das mortes por violencia de xénero a partires do 22 en España.

Repasando os datos de mulleres mortas por violencia de xénero, no marco europeo podemos ver a variabilidade lexislativa que existe nos diversos países e tamén a falta dun método común para facer a contaxe das vítimas. Países como Bélxica ou Hungría nin sequera dan cifras, o cal nos di a importancia que internacionalmente se lle dá ao tema. E o tema é que morremos asasinadas por unha cuestión de xénero, sen máis culpa.

Se contamos o número de mulleres asasinadas polo único feito de selo, sumaríamos cerca de 1.000 por ano, sen incluír os datos de Rusia. E xa non quero nin pensar no acumulado dos últimos 10 ou 15 anos. E non nos queda tan lonxe, en Galicia morreron 63 mulleres dende que hai contaxe e que deberían estar vivas.

Hai outros interrogantes que me rondan: que están a facer a sociedade europea e os seus poderes políticos para parar este xenocidio feminino? Habería o mesmo nivel de tolerancia real se tódolos anos foran asasinados/as 1.000 persoas de calquera colectivo: avogados/as, periodistas, militares, políticas/os, presentadores/as de televisión, persoal repoñedor en grandes superficies ou persoas transxénero..? Cando toca enfrontar este enorme problema mundial dende tódolos puntos de vista: lexislativo, social, económico, educativo, etc?

Tamén me interesa moito atopar respostas a como pode Europa preocuparse por crear unha reserva ecolóxica fronte ao cambio climático, avogar pola biodiversidade, loitar por produtos con menos pesticidas, ocuparse do benestar animal e quedar impasible e indolente ante estes crimes sostidos no tempo.

Unha sociedade avanzada non pode permitir que se siga a diluír e invisibilizar e asasinar ás mulleres. Será imprescindible estar atentas, este martes mesmo ben de aprobarse no Parlamento Galego unha reforma de Lei galega de violencia de xénero para incluír a violencia dixital porque esta violencia non cesa, adáptase.  A civilización ben parecía outra cousa.... pena que todo o andado estea en perigo constante de perderse e pena que as mulleres dotadas de poder, que se moven no cómodo mundo da igualdade, despois de ter deixado a pel por chegar, se esquezan da loita común máis alá dalgunha pouca lexislación.

Estamos aquí, somos moitas, queremos un espazo de igualdade. É o primeiro que exiximos: respecto e vida. Que menos!

Respecto e vida: 25 N
Comentarios