Opinión

A rata-toupa, superpoboación na montaña lucense

A rata-toupa é unha especie animal autóctona que habita nas zonas de pasto das montañas lucenses. Excava galerías nas que habita e se multiplica. Aliméntase de herba pero maiormente das raíces dela.

Ata hai uns anos a súa presenza estaba circunscrita a determinadas zonas. A súa poboación controlábase pola dificultade de facer galerías por baixo dos balados naturais, porque zonas de monte interrompían os pastizais, ou ben porque as pisadas das vacas lles provocaban estrés e diminuía a súa capacidade de procrear.

Hai 20 ou 30 anos a intervención humana acondicionou moitas hectáreas para pastos nos Montes Veciñais en Man Común. O cambio dos modelos produtivos estabularon o gando e o cambio climático fixo o resto. Estes pastizais convertéronse nun reservorio infinito de ratas ben críadas en grandes superficies e deixan sen forraxe ás gandeirías.

A raíz de 500 parellas por hectárea, con 5 camadas de 6 crías ó ano, saen unhas 15.000 crías por hectárea/ano. Temos afectadas unhas 1800ha nos concellos de Baralla, Folgoso do Caurel, Samos, Triacastela, Pedrafita, Cervantes e As Nogais o que dá como resultado 27 millóns de individuos con capacidade reproductiva. 

Queda claro pois que hai unha superboación e, como faría calquera outra especie, non lle queda máis remedio que colonizar novos territorios. Corremos o risco de que avance a concellos limítrofes de menor altitude provocando unha situación de ausencia de control e maiores perdas económicas.

Hai un profundo descoñecemento dos mecanismos que farían que o seu incremento poboacional se freara. Tamèn existe este descoñecemento en paises de Europa, que hai máis tempo que sofren as consecuencias da súa expansión, por isto se actúa polo método de ensaio-erro e resulta custoso atopar unha boa solución.

De todos xeitos hai posibilidades de intervención mecánica sobre o terreo que parece que dan mellor resultado que solucións químicas (veleno), que noutras épocas tiveron éxito pero cunhas consecuencias nefastas para a fauna silvestre da zona e que dende logo hoxe en día sería inasumible.

Por isto o BNG levou á comisión de medio rural do parlamento unha inciativa para que o Goberno da Xunta colla impulso na detención desta infestación, xa que o que se fixo ata o de agora deu moito traballo pero pouco resultado.

Saíu aprobado por unanimidade que a Consellería intesifique as medidas para o seu control, que faga unha declaración oficial de praga que permita instaurar máis medidas e que se fagan máis pastizais nas zonas afectadas, esta vez cos sistemas precisos para impedir que progresen libremente, mentres se compensa deste modo ás ganderías polas perdas de forraxe.

Comentarios