Opinión

Por quen e para quen está deseñada a sociedade do s. XXI

Esta nosa sociedade arrastra claros vicios do pasado e ten múltiples chanzos nos que situar e perpetuar as diferencias entre colectivos, clases sociais, países, etc. Está tan normalizado que resulta doado asumir a diferencia, aínda estando, individual ou colectivamente en posicións, máis desfavorecidas.

O mesmo pasa coas diferencias entre mulleres e homes, único caso que afecta ao 50% da poboación. Vén arrastrada unha cosmovisión androcentrista que sigue sendo aceptada por mulleres e homes e que perpetúa silentemente as desigualdades en moitos terreos.
Facendo un repaso por múltiples facetas humanas vemos que: 

As grandes bases de datos coas que se ensaian os sistemas de recoñecemento de voz de Google ou os navegadores dos coches, teñen máis voces masculinas o que provoca que sexan un 70% máis sensibles á hora de recoñecer estas voces.

E isto é anecdótico se o comparamos con cuestións como as relativas ós accidentes de tráfico, nos que os datos son abrumadores. Os homes teñen máis risco de sufrir accidentes, pero as mulleres temos un 17% máis de probabilidades de morrer, un 47% máis probabilidades de sufrir lesións graves e un 71% máis sufrir lesións moderadas. 

Isto ten que ver coa forma coa que se deseñan os coches, os bonecos que usan nos ensaios son basicamente masculinos e se usan femininos son un modelo reducido dos masculinos, que non teñen en conta nin a masa corporal feminina, nin a súa densidade ósea ou o espazo entre vértebras, e para rematar póñense no asento do copiloto, como se nunca foran conducir, non se pode protexer o que non se coñece nin recoñece.

Tampouco a Sanidade escapa a estas eivas, non diferencia entre sexos e por suposto a preponderancia é para o masculino. Os estudos clínicos, os medicamentos, os diagnósticos e tratamentos, polo tanto toman referencias que deixan fóra á metade da sociedade. As patoloxías masculinas investíganse máis que as femininas.

En moitas patoloxías a sintomatoloxía feminina e masculina é diferente polo que, o feito de coller o home como modelo, provoca máis morbi-mortalidade para as mulleres, porque non se relacionan os síntomas que relatan coas enfermidades que sofren. Vémolo en casos de autismo nos que se atrasa o diagnóstico feminino incluso ata a adultez, o infarto tamén se manifesta de xeito diferente pero os criterios diagnósticos e os tratamentos son netamente masculinos.

Outras enfermidades que demoran o diagnóstico nas mulleres por preconceptos, poden ser a espondiloartrite que nos homes tarda 6 anos e nas mulleres 9, pasando incluso por diagnósticos confusos e erróneos que prexudican á paciente, ou o colom irritable achacable moitas veces nas mulleres a cuestións nerviosas antes de chegar ó diagnóstico.

Non podemos pensar en que haxa unha confabulación masculina para manter estas situacións así, pero si que hai unha especie de descoñecemento indiferente que evita sacar á luz estas enormes desigualdades que prexudican a vida das persoas diferentes ao home caucásico medio, nomeadamente a vida das mulleres.

Comentarios