Opinión

A que xoga o goberno da Xunta coas e cos produtores ecolóxicos?

A consellería creou as expectativas e logo deixou aos e ás produtoras ecolóxicas tiradas, nun acto de incompetencia flagrante e falta de previsión, ou ben quizá, seguindo un plan para exterminar economicamente ás explotacións, baleirar o rural e vendelo ás industrias interesadas.

A Política Europea actual baséase na sostibilidade das producións primarias con criterios medioambientais e de loita contra o cambio climático, onde a ecoloxía e o fomento da biodiversidade son imprescindibles. O Pacto Verde Europeo quere alcanzar que os 27 estados da UE dediquen o 25% da súa superficie agraria á produción  ecolóxica para o 2030.

Galiza conta con pouca superficie agraria útil en xeral, e a destinada a estas producións anda polo 5%, moi lonxe de outras CCAA e moi lonxe da meta europea.

Para salvar este atraso a Consellería fixo unha campaña activa e continuada, como nunca fixera, a prol das producións ecolóxicas e despois de 7 anos sen convocatorias e, polo tanto, sen novas incorporacións ao ecolóxico, abriu este ano unha  para as solicitudes  de mantemento  e incorporación. 

Pódese dicir que morreu de éxito, porque as solicitudes incrementáronse un 134%  precisando uns 5,6M€ para cubrir con axudas ás 45.000ha que o CRAEGA ten certificadas en ecolóxico ou en vías de selo, pero  orzamentou 2,5M€ menos dos necesarios. Sabían que deixarían o 43% das hectáreas solicitantes sen axudas e non fixeron absolutamente nada por corrixilo. 

Mentres os solicitantes no 2015 percibiron axudas continuadas ata o 2021, os novos nacen con explotacións lastradas pola falta delas. Nestes 2 primeiros anos de transición as explotacións deben facer investimentos sen obter ganancias, dado que teñen que reformar as instalacións e criar ós animais segundo uns requisitos que encarecen o proceso e que probablemente requiran de créditos e endebedamento.

A falta de orzamento fixo que se endureceran estes requisitos, polo que quedan fóra granxas de menos de 65, 18ha para as incorporacións o que provoca que somentes as grandísimas explotacións se poidan beneficiar destas axudas, mentres as ganderías que desenvolven un beneficio social nas zonas máis desfavorecidas, pastando para manter limpos os nosos montes, actuando de cortalumes, veranse abocadas ao peche en moitos casos.

O dano pode ser irreparable pola perda de ingresos por abandono das agroambientais ou axudas a mozxs por incompatibilidade, menor produción inicial, pago a entidades de aconsellamento, cotas do Craega, obras para acondicionar as instalacións, incremento dos custes da alimentación ecolóxica dos animais, etc.

A Xunta deixa aos solicitantes excluídos nunha situación de indefensión xurídica e económica absoluta que os pode levar a non satisfacer os créditos solicitados e a quedar excluídos de futuras axudas precisamente por isto.

Dende o BNG vemos con extremada preocupación as actuacións temerarias e indolentes seguidas pola Xunta, por isto exiximos á Consellería que repare os danos provocados de xeito inmediato.
 

Comentarios