Opinión

Que pasa coas Pensións?

Pasará o que nós queiramos que pase. Dito isto, no noso país temos unhas das pensións máis baixas do estado español, Galiza é a segunda pola cola, a media galega é de 1066€ (200€ menos que a media do estado e 500€ menos que Madrid). Lugo e Ourense son as únicas provincias con media por baixo dos 1000€, e Ourense incluso por baixo dos 900€, case 700€ menos que Biskaia.

No 2011, o PP practicou unha drástica reforma que supuxo que as pensións sexan un 25% inferiores, daquela introduciuse o factor de sustentabilidade, a idade de xubilación pasou aos 67 anos, o período de cálculo subiu dos 15 aos 25 anos, e na práctica case se eliminaron as xubilacións parciais. Pero agora, Europa exixe outra reforma que se está a facer aínda que ninguén fale diso. Pode ser que acabemos cunha situación que empeore de novo a vida dos e das pensionistas.

Estase trasladando a idea de que o sistema público é insostible e a solución pasa por convertelo en privado ou semiprivado de modo que o privado sexa único que quede como principal. Europa fomenta isto de xeito activo, xa que os fondos de recuperación e resiliencia son condicionados, é dicir veñen para España a cambio de que o goberno realice profundos cambios, nas pensións, entre outros, o obscurantismo é total, pero ben poderían estar a gobernar os poderes económicos por riba dos políticos, como pasa con demasiada frecuencia.

Esta situación de crises concatenadas fai que lles resulte doado vender á poboación o discurso de que o sistema de pensións actual non é sostible e que nós acabemos comprándoo: Cada vez traballa menos xente polo que hai menos diñeiro no fondo de pensións e por riba vivimos máis tempo co cal a situación se fai insostible. Sinalan aos baby boomer (nacidos entre o 60 e o 75) como un problema cuantitativo.

O actual Sistema de Pensións deseñouse por acordo entre os ‘actores’ sociais da época, dende aquela cambiaron moitísimas cousas, polo tanto haberá que tomar outros acordos e para isto é imprescindible cambiar de referentes. Estamos cambiando o enfoque do que é bon, como é o incremento da esperanza de vida, para convertelo en algo malo: As persoas viven demasiado para ter boas pensións!. Os/as expertos din que menos número de persoas de hoxe producen moito máis que moitas de hai anos, polo tanto o problema tampouco é ese. Aceptamos que as grandes empresas alcancen ganancias millonarias mentres piden que se conteñan as subidas salariais o que levará a pensións máis cativas.

A situación cambiou, polo tanto, a mirada sobre as pensións ten que cambiar tamén, non terán que ser as cotizacións do traballo ás únicas que axuden a soster o fondo, hai un tempo suficiente ata que os/as baby boomer comezen a xubilarse e farano durante un período de 15 anos, polo tanto se o sistema non nos vale, cambiemos o sistema, en base a parámetros destas alturas de século que non empobrezan á poboación para enriquecer á banca, unha vez máis. Porque non nos enganemos o deseño das pensións obedeceu e obedece a cuestións ideolóxicas e políticas, en ningún caso económicas.

Comentarios