Opinión

Que está a acontecer na Consellería do Medio Rural?

Din que a Xunta apoia o rural pero a realidade é a seguinte. Os desastres que están a acontecer este ano na Consellería que se ocupa do 97% do territorio galego rozan o delitivo. Non souberon do brutal incremento das hectáreas nas solicitudes de incorporación a ecolóxico e por suposto tampouco, ao non ter noticia, se lles ocorreu preguntar. Quedáronlle a deberlles ás e aos nosos solicitantes 2,6 millóns de euros, precisamente no ano en que o señor Rueda presume de ter os orzamentos máis altos da historia do país. Non sabemos se realmente terá solución para o período 23-27, o conselleiro di que si, pero en todo caso vai ter que ser a conta de outras axudas ao desenvolvemento rural.

Pasou de novo coas solicitudes ás novas incorporacións, quedaron 43 mozas e mozos fóra debido á falta de fondos. Desta a volta o goberno da Xunta queda a deber 1,5 millóns de euros. Son 43 persoas con outros tantos proxecto de vida no rural que van quedar fóra do noso agro. Probablemente queden endebedados con cretos que serán a alto interese e lles sexa imposible acceder á seguinte convocatoria para as novas incorporacións.

Hai risco de quedar sen axudas asociadas á produción (as que dan por animal) no caso de non ter as explotacións ben clasificadas no Servizo de Gandería. Para cobrar axudas ás vacas nodrizas de leite a explotación ou granxa terá que estar clasificada como semiextensiva e no caso das de carne como extensiva. En moitas delas non coincide a clasificación que teñen co tipo de actividade, por isto non estaría demais que se informaran e solicitaran o cambio de clasificación para o que sexa correcto. Outra potencial perda máis, sen cuantificar aínda.

Seguimos, tamén poden quedar fóra os pastos das Comunidades de Montes en man común en aproveitamento silvopastoril se non están inscritos convintemente.

As axudas agroambientais tamén parece que van ter un finanzamento insuficiente para este novo período, de corrixirse será tamén a conta de outras axudas como acontecerá co ecolóxico.

O que debería ser un éxito estase convertendo nun rotundo fracaso das políticas agrarias do goberno da Xunta.

É incrible que primeiro se produza un desmantelamento despiadado da Consellería e das Oficinas Agrarias, para que unha vez desmantelada se chegue a producir o total descoñecemento do noso agro e tamaña falta de previsión á hora de destinar as axudas alá onde son precisas. Esta Xunta está logrando o maior nivel de inoperancia de tódolos tempos, nin escoita, nin é capaz de adaptarse ás novas necesidades do noso agro nin aos requisitos e exixencias da nova PAC. Está por determinar se é incompetencia, neglixencia ou mala intención.

Recentemente levamos ao Parlamento Galego unha iniciativa para que a Xunta incremente a súa participación nestas axudas do segundo pilar da PAC, xa que somentes participa coa porcentaxe mínima. Non foi unha sorpresa que o Partido Popular votara en contra, incluso nos dá unha pista para clarificar a dúbida anterior.

Comentarios