Opinión

Os prezos da carne

Nesta temporada vemos reivindicacións do sector primario relacionadas cos baixos prezos. Comezaron as granxas produtoras de leite, cuestións comúns como o encarecemento dos insumos, da electricidade, ou as dificultades de transportar determinadas materias primas sumen ás explotacións en perdas constantes. O litr do leite está ao mesmo nivel que hai anos e dende logo non compensa os custes de producción.

O BNG levou recentemente ao pleno do Parlamento Galego unha interpelación ao Conselleiro que desafortunadamente denotou unha ausencia de intencións e de políticas que permitan uns prezos do leite xustos.
Hoxe toca que falemos do prezo da carne, que vén deixando a este sector nunha situación de desamparo igual que o sofrido na producción de leite.

Temos no país unhas 20.000 granxas produtoras de carne, 8.000 delas baixo a IXP Ternera gallega. Os prezos no sector están fixos dende hai máis de 20 anos e agora tódalas dificultades da época covid estanse sumando aos problemas de sempre.
Non se diferencian as carnes criadas en extensivo das de intensivo, o ecolóxico confúndese co orgánico, ou co bio, as grandes distribuidoras venden a ternera gallega sen diferenciala de carnes industriais. 

A todo isto súmase a dificultade, que supón para as explotacións pequenas ou medianas, que non haxa matadeiros comarcais. Os mercados de proximidade e a famosa economía circular faise imposible deste xeito. Resulta máis doado para os productores dos Ancares vender nos mercados da Coruña ou de Madrid que nos propios Ancares.

O clamor xeralizado dos produtores do sector primario é que se impoña o xustiprezo para os seus produtos, non queren subvencións

O sector pide políticas por parte da Consellería de Medio Rural que regulen os prezos, plans que faciliten os mercados de proximidade e que garantan contratos cos comercializadores que sexan xustos e veraces. Precisanse, por suposto, axudas directas tal e como fixeron os gobernos de Euskadi e Cantabria. Tamén o goberno do estado debe establecer mecanismos dentro da reforma da lei de cadea alimentaria que respalden á producción primaria. Podería ser unha ferramenta pública e oficial que permita calcular os cuestes de producción e facilite a venta por riba destes custes dun xeito real entre outras moitas medidas.

Sería un bo momento para que se lle dera un recoñecemento á gandería extensiva e ás granxas tradicionais. Este tipo de gandeiría precisa menos insumos de fóra e que axuda a manter a economía e o territorio, os pasteiros reteñen CO2 e son en si mesmos un ecosistema.

A fin do 2021 houbo unha inflacción de cerca do 7%. Hai unha subida xeralizada do gasóleo, dos abonos, plásticos, ferros todo isto convertese en perdas para as gandeiras e gandeiros. Pola contra a subida do prezo da carne, nos supermercados e tendas, non lle chega ao sector produtor.

O clamor xeralizado dos produtores do sector primario é que se impoña o xustiprezo para os seus produtos, non queren subvencións, o que queren é cobrar un prezo que lles permita cubrir custes de producción e lles deixe un salario digno. As axudas das PAC seguen a beneficiar aos grandes perceptores, dentro do noso modelo produtivo para o único que sirven é para manter o estatus actual de prezos e polo tanto actúan como subvencións indirectas para a comercialización.

Comentarios