Opinión

Orzamentos para Galiza

Estamos no momento óptimo para falar de Orzamentos para o noso país. Nin os da Xunta nin os do Estado satisfacen as necesidades galegas. Comezamos polos do estado, 1077M€ supoñen un estancamento nos investimentos para Galiza e demóstranse totalmente insuficientes. Mentres nalgunhas comunidades autónomas soben por riba do 2%, noutras como Valencia increméntanse un 5%, Madrid un 13,4%, Navarra sobe 34.73%, ou Cantabria un 23.06%, para Galiza queda o incremento nun pírrico 0,2%.

Dende o BNG só podemos sinalar que este proxecto de orzamentos non atende as necesidades galegas, que veñen de lonxe e que se manifestan na falta de infraestruturas viarias e servizos. E aquí temos que suliñar que a cidade de Lugo, nestas cuestións, é extremadamente deficitaria.
Quedaremos un ano máis á espera de que se remate a autovía A-54 entre Lugo e Santiago o que demostra que non se orzamenta o suficiente nin se executa todo que se orzamenta, polo que Lugo leva moitos anos de demora independentemente de quen goberne en Madrid.

Outras autovías como a A-76 ou a A-74 non aparecen máis que de xeito testimonial, o mesmo que as infraestruturas ferroviarias, poderiamos seguir degrañando os orzamentos e demostrando que non posibilitan as comunicacións dentro do territorio galego, tampouco a conexión de todo o país cara a meseta nin a do Eixo Atlántico con Portugal. A altura deste tempo sen comunicacións morre a economía. Máis alá disto, falta unha aposta do goberno do estado para apoiar unha transición xusta para a reactivación da actividade económica e industrial deste país e unhas políticas públicas autenticamente progresistas que permitan ás familias saír co menor dano posible desta serie de crisis.

Os orzamentos da Xunta de Galiza, tampouco apostan seriamente polo país, senón que comezan cun pelotazo fiscal que agasalla con 34 M € a 7.700 millonarios galegos mentres o resto da poboación sofre necesidades básicas por non poder pagar as facturas nesta aguda crise de prezos.
O goberno da Xunta bota unhas contas falsas ignorando os sinais de alarma que advirten os organismos oficiais para Galiza, estes orzamentos están feitos tendo unhas previsións de crecemento falsas que contradín organismos independentes como Airef ou privados como o BBVA, a Xunta bota a conta de ter un incremento do 1,7% do PIB, mentres o informe de expertos do BBVA anuncian que será cero. Así tamén contan cun incremento do emprego do 0,7% mentres os mencionados expertos calculan unha evolución negativa do -0,3%.

Hai cálculos intencionadamente errados como que presuman de que medran as contas un 24,3% cando, si tiveran en conta a inflación, verían que non chega nin a un 4%. Ou ben o do investimento en Atención Primaria que se descontaramos o efecto da inflación estaría 321 M € por baixo do investido no 2009, o mesmo acontece en Educación, mentras se lle recortan impostos a quen máis ten e se deixa sen tarxeta básica a 50.000 familias, se destina menos ao bono social térmico, etc.

Dende o BNG simplemente pedimos uns orzamentos estatais e galegos que teñan en conta as necesidades das persoas no seu territorio.

Comentarios