Opinión

Océanos

Os océanos cubren máis do 70% do planeta, actúan como moduladores do clima e da temperatura da terra, albergan numerosísimas especies animais que axudan a manter a biodiversidade. Sobre 120 millóns de persoas traballan en actividades relacionadas coa pesca e a acuicultura e máis de 3.500 dependen do océano para garantir a súa seguridade alimentar. Súrtennos ademais de materiais mineiros como o gas e o petróleo. Temos logo un sistema esencial para a vida na terra polo que resulta fundamental que se manteña en equilibrio.

O que acontece, porén, é todo o contrario, non só non lle estamos axudando ó mar a manterse, senón que o estamos usando como contenedor, de plásticos e dióxido de carbono, como cuestións máis reseñables, aínda que sabemos que non é menor a afectación polo incremento da temperatura das augas, que derrete os polos e que no futuro sumerxirá unha grande superficie de terra.

Dos plásticos que utilizamos somentes o 9% chegan a ser reciclados, outro 12% queimados, e o 75% restantes acaban no medio ambiente ou en vertedoiros que por acción da metereoloxía ou a chuvia poden rematar no océano. Temos xa nel unha cantidade superficial de plásticos equivalente á superficie de Francia e isto a punta do iceberg, é dicir o 15% do total. Abranguen dende o Ártico ata Antártida, de feito hai 5 zonas de concentración de microplásticos coñecidas como ‘Sopa de plásticos’ no Atlántico Norte, no Atlántico Sul, no Pacífico Norte e no Pacífico Sul outra no océano Índico e aínda nos queda por mencionar o Mediterráneo que está acadando unha densidade similar. É un severo problema que cada ano mata a 1 millón de aves, e máis de 100.000 mamíferos marinos.

O 25% das emisións de dióxido de carbono que producimos, produto da combustión de combustibles fósiles, non permanece na atmósfera e acaba sendo captado pola auga, dentro dela prodúcese unha reacción química que propicia que o pH das augas se acidifique. Isto ocasiona serias dificultades para a vida xa que ataca os ecosistemas e dificulta a formación de conchas, ou a permanencia dos corais facilitando a súa erosión.
Despois deste relato quédanos mirar para atrás, hai 66 millóns de anos, os que hai que se extinguiron os dinosaurios a causa dun meteorito que provocou unha chuvia ácida que á súa vez acidificou os océanos e que provocou a extinción masiva da maioría da vida que había neles e na superficie terrestre.

Se miramos para adiante vémonos nun marco que debería alarmarnos, moitas voces dinnos que no 2100, a menos de 3 xeneracións da nosa, podería haber un colapso ecolóxico cunha afectación masiva para a poboación.

Acaba de celebrarse en Lisboa un cumio da Onu sobre os océanos onde participaron 142 países para falar destes asuntos, recoñecen a gravidade da situación, din que quedan 10 anos para reverter a súa situación actual, pero tamén recoñecen o peso dos océanos na xeopolítica mundial, e igual por isto non se actuará proactivamente ata que igual sexa demasiado tarde.


 

Comentarios