Opinión

o tren

O luns día 20 de decembro do 2021 será un día para historia da Galiza, por fin chegou o Ave. Isto prantexa unha pregunta, a onde chegou? Pois a resposta é clara, chegou dende Madrid a Taboadela, unha localidade a 14 km de Ourense, un percorrido de 500 km realizado en 2 h 15 min.
Neste mesmo día o BNG de Lugo fixo uhna simbólica e clarificante viaxe dende Lugo a Coruña, 100 km en 2 h 35 min. As e os lucenses tardamos máis en chegar a Coruña que en ir a Madrid, sendo case imposible ir a Compostela e volver no mesmo día.

Só con isto poderiamos comprender que o Ave chegou regular a Galiza, xa que Lugo queda fóra, en situación de completo illamento, nunha época na que o tempo é un valor, e a mobilidade un dereito. Pero hai máis referentes que indican que aparte de chegar regular chega máis lento que os mínimos do Estado Español, xa que as velocidades estimadas están por baixo das mínimas españolas. O Ave galego contará cunha velocidade máxima de 176 km/h na liña á Coruña e de 164 km/h na de Vigo, convertíndose nun dos últimos e máis lentos de todo o estado. As velocidades no estado van de 248 km/h no que vai a Barcelona ata os 205 km/h do que vai a Valladolid, todos por riba dos 200km/h.

Chegado aquí, merecemos poder reflexionar sobre que tipo de Ave chegou á Galiza, chega desta volta, como tantas outras cousas, tarde e mal, unido isto á carencia total dunha rede de trens de proximidade que deixa a Lugo no maior dos illamentos. Chéganos un Ave que serve para suliñar que o noso peso no estado é mínimo e que para a Xunta non é unha prioridade a creación dun tren galego propio, non tería porque ser o ‘Galtren’ que propón o BNG pero tería que ter un modelo que servira para garantir a comunicación interna do país.

Perdido o tren igual poderiamos facernos a ilusión das comunicacións por estrada, a nosa pobre provincia está vertebrada dende Lugo cara o norte por unha autovía, a A-8, que pasa pechada por néboa unha boa parte do ano, cara o Sul conta coa ‘vía de altas prestación’” que vai de Lugo a Monforte, construído cando xa se constatara que as vías de dous sentidos eran as máis perigosas pola súa accidentalidade, quedou ao fin en ‘corredo’” e tardou máis de 10 anos en desdobrar timidamente somentes 11 km. De leste o oeste, esta nosa provincia, a única vía de comunicación que temos é a A-6, co cal as nosas comunicacións pasan porque vaimos para Madrid ou vaiamos para A Coruña. As comunicacións por estrada dentro do país xa as coñecemos, difícil con Ourense, difícil con Compostela, e polo tanto difícil e lonxana con Vigo e Pontevedra.

No inicio deste século non se pode ter unha economía normalizada sen relacionarse con outras cidades e lugares, non ten sentido chegar antes a Madrid que á Coruña, a garantía de mobilidade debe considerarse como un servizo básico que provoca o desenvolvemento socioeconómico dos distintos lugares, non tela déixanos en desvantaxe e polo tanto afecta directamente á igualdade de oportunidades para as galegas e os galegos e para as lucenses e os lucenses.

Comentarios