Opinión

O 1º de maio

As mobilizacións do 1º de maio polo día do traballo son unha conmemoración. Alá polo 1886 a normativa nos EEUU permitía xornadas laborais nas fábricas de 16hs, e incluso de máis de 18hs en caso de ‘necesidade’. Todo isto motivou que as organizacións sindicais daquela, perdiran a xornada laboral de 8hs.. A data límite para conseguir isto era o primeiro de maio dese ano.

Evidentemente as reivindicacións non foron escoitadas e remataron en folga, loita nas rúas, de modo que houbo mártires obreiros, foron os denominados mártires de Chicago. Poidemos comprobar que isto serviu para nós mesmas moitos anos despois para garantirnos a xornada laboral das 8 hs e por ende o dereito as outras 16 para o ocio e o descanso.

Como podemos ver hai motivo para manter a convocatoria de mobilizacións para o 1º de maio como día internacional do traballo, que por certo, precisamente nos EE.UU. se celebra o primeiro luns de setembro, seica que por medo a que o socialismo medrara alí a conta de recoñecérselle o mérito da mellora laboral.

Volvendo á actualidade debemos dar un salto e centrar o foco nas ‘celebracións’ deste ano, onde viamos en Madrid mesturados os actores e actrices políticas xunto cos actores sindicais, só faltaba a patronal. Nas intervencións de ambas partes xogábanse, por un lado ao triunfalismo político e por outro a unha seudoameaza sindical de mobilizacións.

Unhas e outros no fondo lóubanse dos supostos logros e melloras conseguidos, pero non ven que moita parte da poboación traballadora está pouco lonxe daquel primixenio primeiro de maio, máis de 130 anos despois.

Parece que tivera pasado tempo dabondo para que a clase traballadora poidera ter un colchón básico que lles permitira unha vida digna e próspera para ela, pero tamén para as súas fillas e fillos. No canto disto chegamos á época na que ter traballo non che impide estar en risco de pobreza ou ser pobre, o cal é o sumum da precariedade en xeral e da laboral en particular, sinalar que no 2020 en Galiza o 25% da poboación estaba en risco de pobreza, desgrazadamente a estas alturas probablemente sexa máis.

Vivimos nunha sociedade que vai cara a maior das desigualdades sociais, onde se di que un salario obreiro de 1000€/mes compromete a economía do estado pero que un directivo cobre 50 veces máis é normal e incluso serve para crear riqueza (para el mesmo, claro).

A pelexa por unha sociedade xusta, con salarios dignos que lles permitan unha vivenda ás persoas, cun confort climático relativo, roupa e calzado de abrigo no inverno, que fagan polo menos tres comidas ao día, acceso á educación e ao ocio, é unha obriga.

Por suposto, un reparto redistributivo da riqueza con máis impostos directos a quen máis ten (pe, IRPF) e menos indirectos que pagamos todos, independentemente dos recursos de cada quen (pe, IVE) é o único que pode protexernos do descontento social extremo que ao fin leva a que determinados partidos de extrema dereita proliferen por toda Europa.

Só me queda lembrar que para o ano volve haber outro primeiro de maio e sería bo que pensedes en participar.

Comentarios